CIG, UGT e CCOO presentarán formalmente mañá a convocatoria de folga xeral en Galiza

Os secretarios xerais das tres centrais sindicais farán entrega formal da convocatoria no rexistro xeral da Xunta.
Seixo, Gómez e Aguión
photo_camera Seixo, Gómez e Aguión

Esta cuarta feira, 31, os secretarios xerais da CIG, UGT e CCOO farán entrega no rexistro xeral da Xunta de Galiza da convocatoria formal de folga xeral para o vindeiro 14 de novembro. Será a segunda xornada de folga xeral neste ano, a cuarta desde que encetase a crise.

Con esta nova xornada de paro laboral, que terá lugar 48h antes de que o Parlamento galego se constitúa despois das eleccións do 21-O en que o PP renovou a súa maioría absoluta, as centrais sindicais pretenden dar resposta ás medidas “antisociais” que xa foron aprobadas polo goberno español, mais tamén amosar o rexeitamento social aos recortes que prevén serán máis duros en 2013, sobre todo se finalmente se solicita un segundo “rescate”.

Os sindicatos convocantes xa teñen activada toda a súa estrutura organizativa e durante as próximas dúas semanas realizarán asembleas nos centros de traballo e outras accións de propaganda na procura de que o 14-N se salde cun éxito equiparábel á folga do pasado 29 de marzo.

Comentarios