martes 11/08/20
DíA DA CLASE OBREIRA GALEGA

A CIG saíu á rúa para demandar a derrogación das reformas laborais e da lei mordaza

As manifestacións en Vigo, Ferrol e Compostela puxeron o ramo a un 10M de mobilización contra a precarización laboral e o recorte de dereitos e liberdades.

A CIG saíu á rúa para demandar a derrogación das reformas laborais e da lei mordaza

Centos de persoas tomaron parte nas mobilizacións da CIG en Ferrol, Vigo e Compostela, manifestacións que decorreron entrada a noitiña e que puxeron o ramo a unha xornada de mobilizacións nas que se demandou a abolición da reforma laboral e da lei mordaza. Houbo asembleas de delegados nas sete cidades galegas e Viveiro, así como concentracións. En todas elas, a denuncia da precarización laboral e do recorte de dereitos e liberdades.

Na ofrenda en Ferrol no monumento a Amador Rey e Daniel Niebla, asasinados hai 44 anos pola policía franquista, a CIG fixo un chamamento a seguir a organizarse e mobilizarse fronte uns poderes que non ofrecen saída algunha. Neste sentido, denunciou que o desemprego afecta a perto de 250.000 persoas; así como que o tramo de asalariados que medrou nos últimos anos foi o daqueles que teñen uns ingresos do 50% do SMI e que non chegan aos 2.000 euros ao ano.

Canda esa denunciou, os manifestantes exixiron a derrogación da lei mordaza por dar unha cobertura "represiva" coa que recortar dereitos e liberdades e intentar garantir que non haxa resposta social a unhas políticas lesivas para a maioría social.

Tamén CCOO e UXT celebraron a xornada, cun acto central en Ferrol, perante o monumento a Amador e Daniel e no que tomou parte o alcalde da cidade.

comentarios