CIG revoga os seus 5 representantes en Dinak "por asinar un acordo contra @s traballador@s"

O Comité asinou unha proposta empresarial que rexeitaran os e as traballadoras en asemblea. A decisión da central nacionalista de revogar aos seus representantes foi refrendada pol@s operari@s

A CIG promoveu a revogación do Comité de Empresa de Dinak, Vigo, "por asinar un acordo que afecta gravemente aos traballadores". A decisión da central nacionalista foi referendada polos traballadores nunha votación en asemblea e comunicado o seu cese como representantes da CIG ante a Delegación de Traballo. Xa se convocaron novas eleccións sindicais para elixir a outros cinco representantes.

A empresa DinaK en Vigo dedícase á fabricación de chemineas metálicas e está afectada polo Convenio Provincial do Metal. O Comité de Empresa, "contradicindo o acordo da Asemblea de traballadores,  que rexeitara  os cambios propostos pola empresa de diminuír os salarios e modificar a xornada laboral, asinou a proposta empresarial afectando gravemente as condicións de traballo".

As modificacións inclúen, entre outras medidas, a desaparición da prima de produción e a ampliación da xornada de traballo en quince minutos diarios, que era o tempo do que dispoñían os traballadores para o bocadillo. Este tempo era computado como xornada efectiva. Eses quince minutos trasladáronse a sábados, cando a xornada laboral era de Luns a Venres.

A CIG adopta esta medida porque considera "inadmisíbel e contrario ao seu modelo sindical que os membros dun Comité, que representan á central sindical, cheguen a un acordo coa empresa en contra dunha decisión acordada en asemblea de traballadore"s.

Comentarios