A CIG explicará en Bruxelas a urxencia de resolver xa o tax-lease

Unha delegación da central nacionalista reunirase co director da Oficina da Competencia da UE. Entrer as cuestións a tratar, a data prevista para a conclusión do expediente, a decisión sobre a retroactividade, ou as prácticas doutros países como Holanda, Noruega ou mesmo Francia en aplicar deducións

Unha delegación da CIG manterá esta terza feira en Bruxelas unha reunión co director da Competencia da Unión Europea e responsábel do expediente do Tax Lease. O encontro foi xestionado pola eurodeputada do BNG Ana Miranda .

Desde a central nacionalista sinalan: “trasladaremos a urxencia por resolver o expediente e a importancia que o naval ten na cidade de Vigo, maior que en ningunha outra parte do Estado, polo peso e número dos Estaleiros e polo volume de emprego que mobiliza; un sector estrutural, vital e histórico na economía da cidade”.

A CIG tamén quere saber a data prevista para a conclusión do expediente, a decisión sobre a retroactividade, os informes recibidos e as prácticas coñecidas doutros países como Holanda, Noruega ou mesmo Francia en aplicar deducións fiscais directas á innovación e tecnoloxía de orixe, que poden afectar ás normas de competencia.

Comentarios