A CIG presenta 100 medidas para a creación de emprego

A central nacionalista desenvolverá unha campaña para "pór en primeiro plano" o problema do desemprego. Mobilizacións por todo o país, asembleas nos centros de traballo e unha Inicitativa Lexislativa Popular compoñen as accións que a central sindical levará a cabo nos vindeiros meses. 

 

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, asegurou esta segunda feira que o obxectivo da campaña 100 medidas para o crecemento económico e a creación de emprego visa promover o debate social e político arredor do problema do desemprego na Galiza que atinxe a 288.000 persoas no noso país. Neste senso, presentou as propostas que a central sindical defende desde que comezou a crise e que agora comporán un único documento. 

A CIG promoverá marchas reivindicativas o 14 de outubro que confluirán o día 19 nunha manifestación nacional en Compostela

Cunha taxa de paro que rolda o 23% da poboación --"a máis alta da historia" segundo explicou Seixo-- desde a CIG entenden que é preciso un cambio de rumbo nas políticas públicas. “Hai que tomar medidas porque as que se están a promover, de recorte de dereitos e de investimento público non serven e provocan máis destrución de emprego e máis recesión”, sinalou Seixo. 

Neste senso, a CIG presentou unha batería de iniciativas que se desenvolverán de maneira gradual á fin de "situar o problema do desemprego e da alarmante destrución de emprego que se está producir en Galiza no primeiro plano do debate tanto social como nas institucións". Así, nunha primeira fase presentarase publicamente o documento que recolle as 100 medidas para a creación de emprego que serán trasladadas aos centros de traballo en asembleas. 

Unha ILP levará o debate social ás institucións e exixirá un cambio de rumbo nas políticas

Aliás, desenvolveranse marchas reivindicativas por todo o país que sairán o 14 de outubro desde distintos centros industriais e concellos e que confluíran nunha grande mobilización o 19 dese mes en Compostela. 

Nunha segunda fase, a CIG presentará unha ILP que visa elevar o debate ás institucións. "Pensamos que o debate, ademais de ser social, hai que levalo ao Parlamento de Galiza, porque é fundamental que se discuta nas institucións", sinalou Miguel Malvido. Neste senso, explicou o secretario nacional de Emprego da CIG, para alén de promoveren a recollida de sinaturas precisas, procurarán o apoio dos Comités de Empresa e concellos. 

Após o debate parlamentar a terceira fase da campaña consistirá en "facer seguimento dos acordos" alcanzados. "Se non fose así, advirten desde a CIG, "estariamos logo nunha nova fase de convocatoria de mobilizacións e marchas". 

Alternativas contra a perda de dereitos laborais
O documento presentado pola CIG no que se recollen as 100 medidas para crear emprego e que abranguen 11 grandes propostas, sinalou Suso Seixo, que se centran en "promover o consumo de produtos propios, para reactivar o mercado interior; pór en marcha un plan industrial que promova o desenvolvemento dos sectores básicos doa economía e que se pechen os ciclos produtivos en Galiza; a defensa dunha tarifa eléctrica galega ou incrementar os investimentos en I+D+i até chegar ao nivel de investimento dos países do noso contorno, para competir pola vía da mellora da calidade dos produtos e non pola da precarización do emprego".

CIG propón o reparto do tempo de traballo, porque “é absurdo que neste momento e coas novas tecnoloxías, vaiamos a xornadas de traballo cada vez máis amplas"

Xunto a isto, a CIG propón o reparto do tempo de traballo, porque “é absurdo que neste momento e coas novas tecnoloxías, vaiamos a xornadas de traballo cada vez máis amplas. Defendemos a redución da xornada ás 35 horas semanais”, explicou. Ademais, a central sindical defende a necesidade de dignificar os salarios, entendendo que “non se pode recuperar o consumo e a produción con salarios cada vez máis baixos”.

Incremento do investimento público e reforma fiscal

No documento tamén se avoga polo incremento do investimento e gasto público en infraestruturas e servizos públicos e se aposta por unha reforma da política fiscal para incrementar os ingresos do Estado porque, segundo afirmou o secretario xeral da CIG, “non ten sentido facelo incrementando os impostos indirectos”. 

A central sindical defende a creación dun Salario de Inserción Laboral que garanta unhas condicións mínimas a quen perdeu as prestacións

Destarte, a central sindical nacionalista propón unha reforma fiscal que incremente "os impostos ao capital ás grandes fortunas e ás grandes empresas e que paguen o que lles corresponde de Imposto de Sociedades".

Un salario de inserción laboral para desempregad@s

Outra das medidas que salientou do documento foi a creación dun Salario de Inserción Laboral que garanta unhas condicións mínimas a aquelas persoas desempregadas que xa perderon as prestacións. Unha situación na que se xa atopa máis do 50% do total de desempregados/as.

Comentarios