A CIG demanda negociar o convenio de hostalaría

A central sindical nacionalista propón renegociar o convenio de hostalaría das comarcas da Coruña ao non asinarse o pasado 12 de xullo, día anunciado por CCOO, UXT e a patronal.
Terraza dun estabelecemento hostaleiro en Compostela (Foto: Arxina).
photo_camera Terraza dun estabelecemento hostaleiro en Compostela (Foto: Arxina).

O adiamento da sinatura do convenio de hostalaría das comarcas da Coruña, para a CIG-Servizos, "fai necesario que se renegocie" polo que demandan que se convoque de inmediato unha reunión da mesa para tratar de mellorar as condicións salariais do sector.

Segundo explicaron onte nun comunicado, a sinatura estaba prevista, “tal e como consta en acta levantada o 22 de xuño, antes de chegar ao mes de agosto, en concreto o día 12 de xullo, en Compostela”. 

Segundo a acta asinada por todas as partes, patronais e sindicais, o acordo “contaba coa aprobación de CCOO, UXT e da patronal no seu conxunto” aínda que o sindicato nacionalista mantíñase á marxe por considerar insuficientes as subas salariais, inferiores en máis de 2 puntos ao Indice de Prezos ao Consumidor (IPC) consolidado en 2021. 

“Con estes vimbios”, tal como e explica a CIG-Servizos, "todo estaba cociñado para que o 12 de xullo en Compostela se asinase un novo convenio tras seis anos do anterior e tres de conxelación salarial".  A central sindical denuncia que, porén, a última hora souberon, "por motivos nunca aclarados publicamente", que o convenio se adiaba a causa dalgunha desavinza que "con total escurantismo se nos agocha". 

Demandan información a todas as partes 

Por iso a CIG-Servizos exixe “claridade” a todas as partes. Lembra que a súa discrepancia co convenio viña dada "non por entender que non contemplaba melloras, senón porque non somos partidarios de entrar nun convenio que sobe o salario menos da metade da suba do IPC".

A central sindical entende, en todo caso, que "é o momento de pedir seriedade e responsabilidade" polo que demanda que, xa que non se asinou como estaba previsto, se convoque de inmediato unha reunión da mesa para renegociar o convenio e tratar de mellorar as condicións salariais do sector que presenta maiores índices de precariedade do mercado laboral.

Ademais, denuncia que "non se pode xogar, menos a día de hoxe, cos salarios, que apenas dan para comer ás familias das traballadoras e traballadores" e conclúe que "é urxente sacar adiante un verdadeiro convenio para que se actualicen os salarios e o persoal poida facer fronte á grave situación económica derivada da suba de prezos xeneralizada". 

Comentarios