Os contratos en hostalaría aumentaron 60% neste ano

O sector servizos concentra os novos empregos na Galiza.
A contratación na hostalaría galega subiu 60% no primeiro semestre. (Foto: Arxina)
photo_camera A contratación na hostalaría galega subiu 60% no primeiro semestre. (Foto: Arxina)

A Galiza rexistrou 75.335 contratos en hostalaría durante o primeiro semestre do ano 2022, 60% máis que os 47.081 do mesmo período de 2021, segundo un informe de Randstad con base en datos do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).

No entanto, este incremento está nove puntos porcentuais por baixo da media do conxunto do Estado español (69,1%). O volume de contratos rexistrado na Galiza supón 4,6% do total que se rubricaron no Estado.

O informe separa os datos por provincias. Deste modo, a de Pontevedra (30.126) e a da Coruña (29.561) lideran os volumes de contratación en hostalaría, seguidas pola de Lugo (9.733) e a de Ourense (5.914). 

Nos incrementos con respecto ao mesmo semestre de 2021, A Coruña encabeza esta suba (82,2%), por diante de Lugo (80,7%), Ourense (52,2%) e Pontevedra (39,6%).

Así, neste verán, Pontevedra, con 14.350 firmas, liderará os volumes de contratación da Galiza, seguida da Coruña, que rexistrará un total de 13.220 contratos. Pola súa parte, Lugo rexistrará 3.820 e, en último lugar, Ourense, con 2.330 contratos asinados.

No que se refire á variación con respecto á pasada campaña, a circunscrición de Lugo experimentará a maior suba (10,9%), seguida da de Ourense (5,4%) e a da Coruña (1,3%), mentres que a de Pontevedra experimentará unha caída (-2,2%).

O sector necesita atender as demandas do persoal

Randstad tamén alerta neste informe de "certos problemas por parte das empresas de hostalaría para atopar profesionais", en concreto na campaña estival e nas zonas de alta demanda.

Para solucionalo, a empresa de recursos humanos recomenda ás empresas que "sexan conscientes e dean resposta ao que demandan os profesionais". "Ademais dun salario acorde, o persoal busca conciliación, calidade de vida, bo ambiente de traballo, seguridade laboral e o desenvolvemento profesional".

A nivel estatal, as mulleres asinaron o 54,4% dos contratos, un total de 883.513, mentres que os homes asinaron o 45,6% restante, 741.714 contratos. Por idades, 48,9% das persoas contratadas tiña entre 25 e 45 anos, mentres que 28,9% era menor de 25 anos e 22,3% superaba os 45 anos. Con respecto a 2021, a maior suba na contratación deuse nas menores de 25 anos.

Comentarios