O poder adquisitivo dos traballadores da hostalaría caeu 14,4% de 2008 a 2020

A caída do poder adquisitivo vén da man dun aumento dos beneficios empresariais. Sen ir máis lonxe, entre 2008 e 2019 incrementáronse en 15,4% mentres as rendas salariais, excluída a inflación, subiron na Galiza en 3,3%. O incremento dos prezos iniciado en 2021 é unha nova volta de torca para os traballadores.
A caída do poder adquisitivo afecta especialmente aos profesionais da hostalaría. (Foto: Europa Press)
photo_camera A caída do poder adquisitivo afecta especialmente aos profesionais da hostalaría. (Foto: Europa Press)

O proceso de desvalorización interna agudizouse após 2008, como consecuencia da xestión da crise decidida pola Comisión Europea e aplicada pola totalidade dos Gobernos da zona euro. A mesma permitiu manter e ampliar as rendas do capital, cargando sobre o factor traballo os custos das políticas de axuste.

Así, entre 2009 e 2020 as rendas do traballo caeron dous puntos en relación coas do capital, sinalando o Instituto Galego de Estatística (IGE) que estas últimas representaban en 2009 52% do Produto Interior Bruto (PIB) e en 2020 54%.

A desvalorización interna

A perda do poder adquisitivo foi notoria nesa segunda década do século XXI. Malia que o salario medio das galegas e galegos aumentou en termos reais entre 2009 e 2020 en 3,3%, o mesmo medrou 12,1% menos que os beneficios empresariais. Asemade, nese período a inflación rexistrou unha suba de 15,5%, sendo os beneficios empresarios un dos factores determinantes na alza dos prezos. A tendencia mantense até hoxe, provocando os beneficios empresariais, no último trimestre de 2021, un incremento do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) de 106,5%, xerando os salarios, exclusivamente, unha suba de 3,5%.

A caída do poder compra é especialmente significativa nalgúns sectores da actividade. Así, por exemplo, na hostalaría o salario medio dun camareiro situábase, en 2008, en 13.957 euros ao ano distribuído en 14 pagas, pasando a cobrar, en 2020, 14.136 euros anuais, o que representou un incremento nos 12 últimos anos de 182 euros.

Sendo a suba da inflación neste período de 15,5% e o incremento das retribucións dos profesionais da hostalaría de 1,01%, este colectivo perdeu desde 2008 14,4%  do seu poder adquisitivo.

A hostalaría

A desvalorización salarial está detrás da falla de traballadoras e traballadores na hostalaría. A este respecto, os datos extraídos da Enquisa de estrutura salarial do Instituto Nacional de Estatística (INE) confirman a perda de poder adquisitivo de 14,4%  para este colectivo no período entre 2008 e 2020 e desmonta os argumentos das entidades patronais, que desligaban a ausencia de profesionais da caída do factor salario.

Os traballadores da construción son outros grandes perdedores desta última década. Segundo as cifras fornecidas polo INE, o seu salario medio anual en 2008 situábase en 20.707 euros divididos en 14 pagas, porén 12 anos máis tarde a súa retribución marcou 23.104 euros, o que significou un incremento de 11,1%. Tendo en conta a alza do IPC neste período, o poder adquisitivo dos profesionais da construción veuse reducido en 4,4%.

A historia repítese noutras actividades económicas moi intensivas en man de obra. Sen ir máis lonxe, os empregados do comercio viron reducido o seu poder de compra entre 2008 e 2020 en 0,2%, os do sector da dependencia e os servizos de benestar en 1,5% ou os administrativos e bancarios en 2,9%. Ao tempo, os especialistas coinciden en que a situación tense agravado tras incrementarse o IPC en 7,1% en 2021, agardándose un aumento aínda maior para esta anualidade.   

O sector público

A situación non é mellor para as traballadoras e os traballadores públicos. Un estudo elaborado pola Confederación Intersindical Galega (CIG) sinala que os empregados públicos levan perdido desde 2010 17,49% do seu poder adquisitivo.

Os maiores recortes producíronse entre 2010 e 2013 cunha caída de 13,6%, destacando na primeira das anualidades unha baixa de 8%, após aceptar o Gabinete socialista presidido por José Luis Rodríguez Zapatero as políticas de austeridade impostas desde a Unión Europea. As mesmas tiveron continuidade tras as eleccións de 2011 cos Executivos populares dirixidos por Mariano Raxoi, que entre 2012 e 2013 asinaron unha rebaixa no poder adquisitivo dos traballadores públicos de 3,20%.

O problema é máis grave na Galiza pola negativa dos gobernos de Feixoo a pactar a devolución das pagas extras recortadas entre o 2012 e o 2016. Un retallo que ten implicado a eliminación do complemento específico das pagas extras durante todo este período, significando no caso do ensino unha perda media de 6.500 euros por cada docente.

As razóns de Garamendi

O presidente da patronal española, Antonio Garamendi, cuestiona que a fuga de persoal da hostalaría cara a outras actividades estea ligada ás condicións laborais. Porén, os datos achegados polo INE sitúan este sector á cabeza da perda de poder adquisitivo do Estado.

Comentarios