A CIG carga contra o Estado por ser "cómplice" na exclusión financeira

O sindicato insta os ministerio de Economía e Consumo a lexislar para garantir á cidadanía o acceso aos servizos bancarios.
Unha persoa saca cartos dun caixeiro (Europa Press / arquivo)
photo_camera Unha persoa saca cartos dun caixeiro (Europa Press / arquivo)

A federación de Banca da CIG vén de denunciar "a complicidade" do Goberno español coa marxinación financeira que padece boa parte da poboación como consecuencia "do proceso de dixitalización excluínte" no que están inmersas entidades  "que reciben inxentes cantidades de cartos públicos pero que non garanten o acceso de todas as persoas aos seus servizos".

A central sindical traslada a súa preocupación polos crecentes problemas na atención á clientela, como as restricións horarias, o feche de oficinas no rural e, máis recentemente, a obriga de operar nos caixeiros e nas aplicacións de banca móbil.

Para a CIG, a situación actual é consecuencia directa da privatización das caixas de aforros, que naceron para garantir a inclusión financeira. “Socializáronse as perdas e privatizáronse os beneficios, poñendo o sistema financeiro en mans de investidores e especuladores que só buscan rendibilidade a curto prazo. Nese senso as políticas nefastas de PSOE e PP, son a causa do problema actual", afirman desde o sindicato.

Outra causa seríao proceso de concentración bancaria, instado dende as institucións públicas europeas, españolas e dende a Xunta de Galiza, que levou a unha restrición da oferta para beneficio de fondos e investidores voitres, que actualmente controlan o capital dos bancos.

Para a federación de Banca da CIG, as restricións de servizos e o encarecemento dos mesmos teñen como único obxectivo "expulsar dos bancos as persoas menos rendíbeis, demandantes de servizos presenciais".

O papel do Goberno estatal

En canto á reunión do Ministerio de Economía coas patronais bancarias para tratar estas cuestións, na central considérana "un paripé carente de contido". Por iso indican que se o Estado quere tomar medidas, tanto o Ministerio de Economía como o de Consumo "teñen que lexislar, obrigando a restituír os horarios de servizo presenciais, xa que pretender que a solución sexa aportada polos mesmos bancos que restrinxen servizos é unha tomadura de pelo á poboación".

No mesmo senso, critican que a Administración lle teñan dado tamén as costas ao persoal dos bancos. "Garantir o dereito da poboación aos servizos financeiros presenciais é garantir os postos de traballo fronte a unha dixitalización que só beneficia a fondos e investidores", critican.

Comentarios