A CIG ve "indecente" subvencionar con diñeiro público caixeiros automáticos

A CIG denuncia que "en plena conflitividade laboral motivada polos expedientes de despedimentos colectivos derivados do proceso de reconversión do sector bancario", a Xunta da Galiza presentou un proxecto de orde para "subvencionar con diñeiro público caixeiros automáticos e axentes financeiros", incentivando, di, os "fechamentos de oficinas e polo tanto a destrución de emprego".

Unha persoa saca cartos dun caixeiro (Europa Press / arquivo)
photo_camera Unha persoa saca cartos dun caixeiro (Europa Press / arquivo)

"Bancos con beneficios multimillonarios despiden miles de traballadoras e traballadores grazas á reforma laboral do Partido Popular e aínda por riba, Feixoo quere pagarlles por facelo". Así se pronuncia a Federación de Banca da CIG, nun comunicado de prensa a respecto do proxecto de orde da Xunta da Galiza para subvencionar "os caixeiros automáticos e a contratación de axentes financeiros nos concellos nos que os bancos fecharon as oficinas".

Unha operación que a central nacionalista considera "indecente" e que "xustificará a transferencia de máis recursos públicos para os bancos responsábeis de deixar sen servizos financeiros a poboación".

A proposta do Goberno galego chega en pleno proceso de reestruturación do sistema: o BBVA e Caixabank teñen proposto ERE que afectan directamente a 12.100 persoas e o Banco Santander está aplicando un ERE que contempla o despedimento de 3.672 persoas e a subcontratación de 1.100.

"A marxinación financeira é un feito non só no rural, senón cada vez máis, tamén en barrios e zonas periurbáns; sobre todo en función de renda e da rendibilidade coma cliente para o banco, ou agora pola fenda dixital", considera Rosa María Conde, responsábel do sector da Banca da CIG.

O papel da Xunta

"Resulta especialmente rexeitábel esta proposta por parte da Xunta de Galiza e, nomeadamente, do Partido Popular, que son os máximos responsábeis da actual situación do sistema financeiro galego, xa que foron impulsores do proceso de concentración e privatización", engade a sindicalista.

A CIG tamén lembra que o Goberno galego "asistiu totalmente impasíbel á privatización e venda das antigas caixas de aforros", nun proceso "no que se regalou unha entidade para beneficio empresarial mentres se socializaban os custes do rescate en forma de débeda pública".

O sindicato empraza a Xunta a retirar a orde de axudas e advirte de que, de non rectificar, promoverán mobilizacións sectoriais.

A central nacionalista vén de solicitar unha reunión co conselleiro de Facenda para transmitir a visión sobre as consecuencias da "posta en marcha destas axudas, dada a preocupación pola marxinación financeira que están provocando os peches de oficinas bancarias; as restricións dos horarios de atención nas oficinas e a marxinación financeira".

Comentarios