Centos de agricultores e gandeiros galegos mobilízanse en Madrid en defensa do agro

A protesta convocouse a nivel estatal con motivo da importante reunión do Consello de Ministros de Agricultura da UE en Bruxelas sobre o futuro da PAC e a posibilidade de 'relaxar' os requisitos ambientais.
Protesta de agricultores e gandeiros fronte á sede do Ministerio de Agricultura, en Madrid, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Protesta de agricultores e gandeiros fronte á sede do Ministerio de Agricultura, en Madrid, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)

Centos de gandeiros galegos, da man dos sindicatos Unións Agrarias (UU.AA.), Sindicato Labrego Galego (SLG) e Asaga, desprazáronse esta segunda feira até Madrid para participar na manifestación convocada polas organizacións agrarias estatais Asaja, COAG e UPA baixo o lema 'O campo exixe apoio, respecto e recoñecemento'.

Esta protesta, na que participan miles de produtores e produtoras de todo o Estado español e mais un centenar de tractores, comezou ás 11 horas cunha concentración ante á sede do Ministerio de Agricultura, ao que seguiu unha marcha por Paseo do Prado, Recoletos e Castellana até chegar á Oficina da Comisión Europea en Madrid. Convocouse con motivo da importante reunión do Consello de Ministros de Agricultura da UE en Bruxelas sobre o futuro da PAC.

Por parte de Unións Agrarias, un total de dez autobuses viaxaron desde Galiza e estímase que participan uns 700 produtores da organización agraria galega procedentes de municipios como Santiago de Compostela, Lalín (Deza) ou Xinzo de Limia.

O secretario de Coordinación Sectorial de UUAA, Félix Porto, destaca a "afluencia masiva" nesta protesta, nun "día importante" para medir a "permeabilidade" da UE polo debate dos 27 ministros europeos de Agricultura sobre o plan de Bruxelas de 'relaxar' os requisitos ambientais. Reclama que o Goberno estatal "dea marcha atrás" aos decretos que "fan dano por exceso de democracia", así como unha Política Agraria Común (PAC) "adaptada á realidade" da Galiza e unha eliminación de burocracia.

Representantes de Unións Agrarias na protesta de Madrid. (Foto: Nós Diario)
Representantes de Unións Agrarias na protesta de Madrid. (Foto: Nós Diario)

Nesta liña, en declaracións desde Madrid, a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, destaca que é un "día importante" pola reunión de ministros europeos, de forma que pide acabar cunha "burocracia imposíbel", así como atallar os tratados de libre comercio con "estándares que non cumpren as normas da UE" e a desregulación do mercado. Avisa de que estas dificultades poden supor a "puntilla" para que "moita xente teña que abandonar o sector".

Comentarios