Cambios na PAC? Os 27 valoran 'relaxar' os requisitos ambientais para obter fondos ante o aumento das protestas

A Comisión Europea ábrese agora a revisar estas normas, xa que algúns mecanismos de condicionalidade son "complicados" de aplicar, o que xerou o rexeitamento dos agricultores, que acusan tamén a carga burocrática da que agora quere libralos Von der Leyen.
Gandeiras e gandeiros arrodearon onte o Edificio Administrativo da Xunta da Galiza, en Compostela, cos seus tractores (Foto: Arxina).
photo_camera Gandeiras e gandeiros arrodearon o edificio administrativo da Xunta da Galiza en San Caetano, Compostela, cos seus tractores a pasada semana. (Foto: Arxina).

Os ministros e ministras de Agricultura da Unión Europea abordarán esta segunda feira a proposta da Comisión Europea para 'relaxar' os requisitos ambientais que deben cumprir os agricultores para accederen ao financiamento da Política Agraria Común (PAC), no medio dunha nova vaga de protestas en Bruxelas con previsión de que os tractores bloqueen os accesos ao barrio europeo desde primeira hora da mañá.

A UE materializou así o que xa avanzara a presidenta do Executivo comunitario, Ursula von der Leyen, quen a principios de febreiro dixo que traballaría xunto á presidencia do Consello, que corresponde este semestre a Bélxica, nunha rebaixa da presión burocrática para o sector agrogandeiro, unha proposta que delegacións como a do Estado español recibiron con bos ollos.

De feito, fontes diplomáticas explicaron que esta reunión —que estivo perto de cancelarse— foi convocada porque as protestas "prenderon" e porque existe unha "disposición de escoitar" por parte dos Vinte e sete, aínda que son tamén conscientes de que a situación do campo non vai cambiar "da noite para a mañá", xa que implica procesos políticos a varios niveis.

En calquera caso, vese como algo "positivo" que a Comisión accedese a revisar estas normas, xa que algúns mecanismos de condicionalidade son "complicados" de aplicar, o que xerou o rexeitamento dos agricultores, que acusan tamén a carga burocrática da que agora quere libralos Von der Leyen, nun "novo xesto de solidariedade" co campo a apenas catro meses das eleccións ao Parlamento europeo.

Para recibir o apoio da PAC, os agricultores deben respectar un conxunto mellorado de nove normas beneficiosas para o medio ambiente e o clima coñecidas como 'BCAM', un principio de condicionalidade que se aplica a perto de 90% da superficie agrícola utilizada na UE e desempeña un papel importante na integración de prácticas agrícolas sostíbeis. Na súa proposta, a Comisión propón agora simplificar algúns dos requisitos de condicionalidade destas normas, ao entender que resultaron difíciles de implementar en determinadas circunstancias.

Bruxelas xa concedeu unha exención parcial das normas sobre terras en barbeito en 2024, as chamadas 'BCAM 8', e propón agora cambiar tamén a 'BCAM 1', que obriga a manter estábeis as superficies de pastos permanentes na UE desde o ano de referencia 2018. O plan é modificar estas normas antes de mediados de marzo para garantir que se teñan en conta os cambios estruturais provocados pola reorientación do mercado e a redución da cabana gandeira, o que garantirá que os agricultores non se vexan penalizados no seu traballo e contribuirá a reducir as cargas, xa que haberá que reconverter menos superficies en pastos permanentes.

Tamén avoga por simplificar a metodoloxía de determinados controis, co obxectivo de reducir até en 50% o número de visitas ás explotacións por parte das administracións estatais —unha medida que responde directamente as peticións dos Estados membro—, ademais de racionalizar e clarificar a forma de avaliar a calidade do sistema de seguimento das superficies.

A terceira das medidas presentadas consiste en aclarar o uso do concepto de forza maior e circunstancias excepcionais, un termo xurídico que permite eludir sancións aos agricultores que non poidan cumprir todos os seus requisitos da PAC debido a acontecementos excepcionais e imprevisíbeis alleos ao seu control, como en casos de secas ou inundacións graves. Ademais, se a medio prazo son modificados os regulamentos de base, poderían revisarse as BCAM 8 sobre as terras en barbeito, a BCAM 7 sobre a rotación de cultivos e a BCAM 6 sobre a cobertura do solo, co fin de reducir aínda máis a carga para os agricultores.

Medidas adicionais

O documento do Executivo comunitario tamén menciona outras medidas a medio prazo que poderían aliviar a carga burocrática dos agricultores, especialmente dos máis pequenos, e que inclúe a posibilidade de propor cambios para ese efecto nos regulamentos de base da PAC acordados polo Parlamento Europeo e o Consello en 2021.

Unha das posibilidades adicionais que perfila a proposta consiste en eximir as pequenas explotacións de menos de 10 hectáreas dos controis relacionados co cumprimento dos requisitos de condicionalidade (BCAM), o que simplificaría considerabelmente o traballo diario dos pequenos agricultores, que representan o 65% dos beneficiarios da PAC, á vez que mantería as ambicións ambientais, xa que estas só cobren o 9,6% das superficies que reciben axudas da PAC.

Ademais, a Comisión abriuse a revisar tamén a BCAM 8, sobre as terras en barbeito; a BCAM 7, sobre a rotación de cultivos, e a BCAM 6, sobre a ocupación do solo, co fin de reducir aínda máis a carga para os agricultores, algo "positivo" porque, segundo fontes diplomáticas, "até hai dous meses era imposíbel".

Comentarios