Nova repunta dos carburantes: canto custa hoxe encher o depósito?

O prezo da gasolina acumula un encarecemento de 5,3% no que vai de 2022, mentres a suba é de 7,2% para o gasóleo.
Unha persoa enche o depósito do seu vehículo nunha gasolineira (Foto: Europa Press).
photo_camera A gasolina acumula en 2022 un encarecemento de 5,3% (Foto: Europa Press).

O prezo da gasolina escalou a un novo máximo histórico esta semana após encadear a súa sexta suba consecutiva e acumular un encarecemento de 5,3% no que vai de 2022, mentres que o gasóleo igualou o seu récord histórico de hai case unha década, segundo datos do Boletín Petroleiro da Unión Europea recollidos pola axencia Europa Press.

En concreto, o prezo medio da gasolina situouse esta semana nos 1,558 euros, o que supón un incremento de 1,3% a respecto de hai unha semana, e un novo nivel nunca visto, logo de que a pasada semana superase os 1,522 euros que tocou en setembro de 2012.

Pola súa parte, o prezo medio do litro de gasóleo situouse esta semana nos 1,444 euros, encarecéndose 1,34% fronte a sete días atrás. Neste caso, iguala o nivel que marcou en setembro de 2012 como máximo histórico.

Desta maneira, o prezo dos carburantes, tras a tregua do final de 2021, cando encadeou até cinco semanas de caídas, prosegue coa escalada iniciada co arranque de 2022. Desde o inicio do ano, o prezo medio do litro de gasolina acumula unha repunta de 5,3%, mentres que o gasóleo elevouse 7,2%.

Dependencia do prezo do cru

Este novo encarecemento no prezo dos combustíbeis prodúcese ao carón da escalada no prezo do cru ante a incerteza xeopolítica alimentada polas tensións en Ucraína e un baixo nivel de oferta global, que levou o petróleo a superar o limiar dos 90 dólares por barril, en niveis que non se vían desde 2014.

O prezo dos carburantes depende de múltiples factores, como os impostos, o custo da materia prima e da loxística ou as marxes brutas. Esta quinta feira, o barril de Brent, de referencia en Europa, intercambiábase a 92 dólares, mentres que o West Texas Intermediate (WTI) americano cotizaba por riba dos 90 dólares.

Encher o depósito custa 18 euros máis que hai un ano

Con este novo incremento, o enchido do depósito esta semana é 25,8% máis caro que hai un ano para o caso da gasolina e 29% superior no caso do gasóleo. Así, encher un depósito medio de gasolina de 55 litros custa agora arredor de 85,69 euros, uns 17,6 euros máis que hai un ano, mentres que no caso de encher con gasóleo ascende a uns 79,4 euros, uns 17,8 euros máis que na última semana de xaneiro 2021.

A pesar destes niveis, o prezo da gasolina sen chumbo 95 está no Estado español por baixo da media da Unión Europea (UE), situada en 1,686 euros o litro, e da zona euro, cun prezo medio de 1,763 euros. No caso do diésel ocorre algo similar, xa que o prezo na UE é de 1,571 e de 1,624 na zona euro.

Comentarios