Cales son as gasolineiras galegas nas que aforrar á hora de encher o depósito?

Firmas galegas como Carbugal, Galioil ou SBC ofrecen prezos moi inferiores aos máximos que rexistra o Boletín Petroleiro da Unión Europea
Estación de servizo de Galioil no polígono industrial de Costa Vella, en Compostela (Foto: Arxina).
photo_camera Estación de servizo de Galioil no polígono industrial de Costa Vella, en Compostela (Foto: Arxina).

Encher o depósito de gasolina é 25% máis caro que hai un ano e 2022 empeza con malas novas para as persoas consumidoras. A semana pasada a gasolina alcanzou o seu máximo histórico, 1,538 euros por litro, mentres que o gasóleo quedou ás portas de bater o récord, con 1,422 euros por litro.

Esta situación está a provocar que antes de encher o depósito a xente pense dúas veces onde vai botar gasolina. Por un lado están as gasolineiras de bandeira, ás que pertencen a algunha das grandes petroleiras, ben sexa en propiedade ou en concesión. Pero nos últimos anos tamén xurdiron novas firmas que tratan de facerse un oco nun mercado moi competitivo a custa de axustar marxes para ofrecer o mellor prezo á súa clientela.

Nesa maraña de novas empresas hai marcas como Petroprix, Ballenoil ou Plenoil que ofrecen carburantes de baixo custo grazas, entre outras cousas, a que prescinden do persoal que atende nas estacións de servizo. Mais dun tempo a esta parte tamén xurden empresas no país dispostas a facer as cousas doutra maneira. 

É o caso de Carbugal, unha  empresa de capital 100% galego que leva oito anos prestando servizo na cidade da Coruña e a súa contorna. Contan con dúas estacións de servizo na cidade ─no polígono de Agrela e xunto ao Coliseum─ e outras dúas en Cortiñán (Bergondo) e Laraxe (Cabanas), na vella estrada que vai a Ferrol, ás que proximamente se unirán as de Meicende, pendente de permisos, e a do polígono de Sabón, en construción, ambas as dúas no concello de Arteixo.  

"Procuramos ser os máis baratos na nosa zona", explica a Nós Diario o seu xerente, Miguel González, que recoñece que "canta máis diferencia hai coas grandes a xente perde un pouco máis o medo" a acercarse ás súas estacións, na que o combustíbel que se subministra é "o mesmo que utilizan as grandes. Despois cada un emprega os seus aditivos". 

Onte, nas súas estacións, o prezo da gasolina estaba nos 1,429 céntimos por litro, mentres que o gasóleo rexistraba un prezo de 1,329 euros o litro. 

Outra das firmas de capital galego que ofrecen prezos máis competitivos que a media é Galioil, que conta con estacións de servizo en Cee e Compostela, mais espera ampliar a súa presenza por toda Galiza nos próximos anos. 

Nestas estacións, a gasolina  estaba onte nos 1,479 euros o litro, mentres que o gasóleo situábase nos 1,339 euros o litro.

"Todos os provedores, salvo a compra do combustíbel, son galegos, desde a construción ao sistema informático", destaca Virginia Revuelto, xerente de Galioil, quen insiste en diferenciarse das gasolineiras "low cost" nas que non hai atención presencial. "A nosa política é crear postos de traballo, aínda que tamén temos autoservizo porque así nolo demanda a xente nova", matiza. 

Pegada no territorio 

Xunto a estas dúas compañías galegas en pleno proceso de expansión habería unha terceira de capital galego: SBC. Esta firma, a máis veterana das tres, é tamén a que máis presenza ten no territorio. 

Conta con estacións de servizo na Coruña, Compostela, Ribeira, A Estrada, Cambados, Tui e Narón. Nesta última, a máis barata, o prezo da gasolina estaba onte nos 1,469 euros o litro e o de gasóleo nos 1,349.

Comentarios