Vivenda

Cales son os barrios máis caros da Galiza para alugar un piso?

Un piso de 60 metros cadrados alúgase, de media, a 654 euros no centro de Vigo.
Vigo Centro-Areal é a zona máis cara para alugar un piso nestes momentos na Galiza. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Vigo Centro-Areal é a zona máis cara para alugar un piso nestes momentos na Galiza. (Foto: Nós Diario)

O barrio de Centro-Areal, situado no municipio de Vigo, sitúase como o máis caro de toda Galiza para alugar unha vivenda nestes momentos, cun prezo medio de até 10,9 euros por metro cadrado, segundo a última análise elaborada polo portal inmobiliario Fotocasa. Ao Areal vigués ségueo o Ensanche-Sar de Santiago de Compostela, con 10,37 euros/m2 e un aumento de 15,5%. Ou, o que é o mesmo, un piso de 60 metros cadrados alúgase, de media, a 654 euros no caso do barrio vigués e a 622 no compostelán.

Voltando á cidade olívica, a zona de Praza España-El Corte Inglés (9,86 euros/m2) tamén se posiciona entre os barrios máis caros do país, así como os composteláns de Campus Sur-Santa Marta (9,51 euros/m2) e Castiñeiriño-Cruceiro de Sar (8,02 euros/m2).

"É a primeira vez que o aluguer dunha vivenda 'tipo' duns 85 metros cadrados nalgunha das zonas máis exquisitas do Estado excede os 2.000 euros de renda mensual. Estes barrios mostran o interese existente por mudarse a vivir a unha zona prime onde só os máis privilexiados poden permitirse o luxo. En canto á evolución do prezo nestes barrios, viuse agravado tamén polo desequilibrio significativo entre a oferta e a demanda, polo que o crecemento foi sostido no prezo desde os últimos tres anos", explica María Matos, directora de Estudos e portavoz de Fotocasa.

Na cidade de Ourense, o barrio máis caro está no centro, cun prezo de 7,63 euros/m2. Por outra parte, en Ferrol o centro alcanza un prezo de 7,61 euros/m2, que rexistra un crecemento interanual do 17%, o maior da Galiza no último ano.

Leve caída do aluguer en febreiro

O prezo medio do aluguer baixou na Galiza en febreiro un 2% en comparación co mesmo mes do ano anterior, segundo o informe mensual de prezos de alugueiro elaborado por Pisos.com, o que contrasta coa suba media rexistrada no Estado español (+0,98%).

Comentarios