Cada tres días Galiza perde unha empresa que se domicilia noutro territorio

Trinta e tres empresas cambiaron o seu domicilio social da Galiza a outro territorio do Estado no terceiro trimestre deste ano. Son seis sociedades máis das que deron ese paso no mesmo período de 2021. Madrid é o destino preferido para estas compañías, onde se domicilia unha de cada dúas que perde a Galiza.
Case a metade das empresas que trasladan fóra o seu domicilio social desde a Galiza escollen Madrid como nova sede (Foto: M. Arrazola).
photo_camera Case a metade das empresas que trasladan fóra o seu domicilio social desde a Galiza escollen Madrid como nova sede (Foto: M. Arrazola).

Unha empresa opta de media cada tres días por trasladar o seu domicilio social da Galiza a outra comunidade. Foron 33 nos meses de xullo, agosto e setembro, que se suman ás que fixeron este cambio nos dous trimestres anteriores, por volta de 80 entre xaneiro e xuño.

O movemento non é unidireccional, tamén hai sociedades que desde outros territorios elixen a Galiza para o seu domicilio: tamén unha trintena no terceiro trimestre. Máis das que marcharon, mais o impacto é negativo para a Galiza en volume económico: a diferenza entre a facturación das que saíron e das que chegaron é de 5,2 millóns de euros.

Madrid continúa a ser o destino principal das empresas que optan por cambiar o seu domicilio social da Galiza a outra comunidade. Alí recala o 48% desas sociedades. Unha porcentaxe moi superior aos seguintes 'destinos', Catalunya —9%— e Canarias —9%—.

Neste terceiro trimestre, Madrid gañou 85 sociedades doutras comunidades, case tres veces máis que no mesmo período de 2021. Os datos do Informe D&B sobre domiciliación de empresas indican que entre xaneiro e novembro de 2021 Madrid 'absorbeu' máis de 1.700 empresas doutros territorios do Estado, sociedades que facturaban máis de 2.300 millóns de euros.

Entre elas, medio cento de firmas galegas, que sumaban en conxunto un volume de facturación que superaba os 51 millóns de euros.

Continuidade ano tras ano

En 2021 foron 113 as empresas galegas que trasladaron o seu domicilio, unha cifra superior ás que o fixeron en 2020 (87 sociedades, mais que fica por debaixo da cifra de 2019, cando a Galiza perdeu 216 empresas. Ese ano o balance foi especialmente negativo, pois só chegaron 188 firmas. A pegada na facturación por estes movementos nese exercicio foi dunha perda de máis de 208 millóns de euros. En 2018 o número de sociedades que se trasladaron tamén superou o cento, situándose en 139.

Freada

A estes datos engádese que o capital investido entre xaneiro e setembro na creación de empresas foi un 13,2% inferior ao investido neses meses de 2021: 182 millóns de euros daquela, 158 millóns agora. Un saldo negativo de 24 millóns.

En paralelo, aumentaron os concursos de acredores, que se entre xaneiro e setembro de 2021 foron 172, nese mesmo período do presente ano son 206, un incremento de case 20%. A maiores, só en setembro —último mes con datos— houbo na Galiza 112 disolucións de empresas, unha media superior a tres por día. En setembro de 2021, as disolucións foran 95, o que supón 18% menos.

Sectores

E cales foron os sectores na Galiza que concentraron o maior nivel de disolución de sociedades? Principalmente a construción e as actividades inmobiliarias, con 31 firmas disoltas, e o comercio, cun total de 29.

A capital do Estado español sae beneficiada co actual modelo

Segundo se sinala nun estudo do Laboratorio de Análise de Políticas Públicas do Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (IVIE) teñen a súa sede en Madrid 44,5% das 1.000 maiores empresas do Estado, 50,4% das 500 máis grandes e 60% das 100 primeiras. Pola contra só manteñen o enderezo social na Galiza 5,3% das 1.000 maiores empresas do Estado, 5% das 500 máis grandes e 4% das 100 primeiras.

A consecuencia disto, Madrid concentra unha quinta parte da renda estatal, dispondo de 19,2% do Produto Interior Bruto (PIB) en apenas 1,6% do territorio. Porén, isto só é posíbel pola localización a efectos fiscais e sociais en Madrid de miles de empresas que desenvolven a súa actividade económica real noutros territorios do Estado español.

Comentarios