Madrid recada 49% dos impostos totais do Estado malia representar 19,3% do PIB español

Madrid ingresa 49% de todos os impostos do Estado malia só representar 19,3% do Produto Interior Bruto (PIB) estatal. A alta recadación madrileña só é posíbel polo efecto sede, que favorece a capital do Estado español en detrimento doutros territorios como a Galiza. As consecuencias desta lóxica están á vista

Planta de Alcoa San Cibrao. (Foto: Europa Press)
photo_camera Planta de Alcoa en San Cibrao. (Foto: Europa Press)

Madrid recada 49% de todos os impostos do Estado malia significar 19,3% do PIB estatal. Segundo explica o economista Xosé Díaz, no seu recente traballo Os resultados da liquidación do sistema de financiamento de réxime común ou das “rexións” en 2020 e algunhas cuestións sobre un posíbel novo financiamento, “o informe da Administración Estatal da Axencia Tributaria (AEAT) de 2020, último ano do que existen datos, sinala que en Madrid recádase, para simplificar, 42% de todos os impostos directos, 57% de todos os impostos indirectos e 51% das taxas, prezos públicos e outros ingresos: en conxunto 49% dos impostos e outros ingresos que forman parte do sistema fiscal español”.

Madrid ingresa en concepto do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) en 2020 30.754 millóns de euros, que representa 48,5% do total recadado no conxunto estatal, cuxa contía sitúase para ese exercicio en 63.336 millóns. Mentres tanto, Galiza, cuxo PIB representa nesa anualidade 5,74% do Estado, só ingresa por IVE 4,20% do total español,  2.663 millóns. A este respecto, resulta significativo que practicamente a metade de todas as facturas con IVE xeradas en diversos puntos do Estado se paguen en Madrid.

Impostos especiais

A situación é aínda máis salientábel no caso dos Impostos Especiais. Así, dentro destes incorpóranse, entre outros, os tributos aos hidrocarburos, a electricidade, ao tabaco, ao transporte ou a determinadas bebidas alcohólicas. Neste caso, Madrid recada por este concepto 15.901 millóns de euros, o que representa 84,6% do total estatal. Pola súa parte, Galiza ingresa 84,2 millóns de euros, unha porcentaxe próxima a 0,52% do conxunto do Estado, situado en 18.789 millóns de euros.

No referido ao Imposto de Sociedades, un tipo impositivo pensado para gravar os beneficios empresariais, a Galiza recada 818 millóns de euros, ingresando Madrid 5.232 millóns de euros, 33,5% do total estatal, malia representar 19,3% da riqueza do Estado.

Isto vese favorecido, como no resto dos tributos sinalados con anterioridade, polo efecto sede, que leva a fixar en Madrid o dominio fiscal de moitas compañías que desenvolven a súa actividade real noutras áreas do Estado.

4.165 empresas galegas pagan en Madrid

As cifras ofrecidas polo Instituto Galego de Estatística (IGE) para 2020, última anualidade con datos, indican que 4.165 empresas con actividade na Galiza pagan os seus impostos en Madrid. Segundo o IGE, 3.483 empresas desenvolven a súa actividade nos servizos; 357 na industria extractiva e na enerxía -dedicándose 339 á xeración eléctrica-; 262 na industria manufactureira; 289 na construción, con particular presenza das enxeñarías e empresas de obra civil; 208 na hostalaría e 170 no sector das finanzas e seguros.

As empresas galegas domiciliadas en Madrid adoitan ser aquelas cunha maior facturación e número de traballadoras e traballadores. Entre estas, atópase Alcoa, o complexo de produción de aluminio e alumina emprazado entre Cervo e Xove, cun cadro de persoal de máis de 1.500 traballadores directos e 500 indirectos, que segundo a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) representa 30% do PIB lugués.

A pasteira Ence, co seu principal centro de traballo instalado en Lourizán, na ría de Pontevedra, e con arredor de 400 empregados, fai efectiva a totalidade dos seus impostos en Madrid.

Nesta liña, aparecen outros importantes complexos industriais como Xeal, na Costa da Morte, Navantia, en Ferrol, ou as principais compañías enerxéticas do Estado, todas elas con importantes centros de xeración de electricidade na Galiza.

O efecto sede

Os resultados desta realidade son explicábeis pola localización a efectos fiscais e sociais en Madrid de miles de empresas que desenvolven a súa actividade económica real noutras áreas do Estado.

O Laboratorio de Análise de Políticas Públicas do Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (IVIE), nun traballo titulado Madrid, capitalidade, economía do coñecemento e competencia fiscal sinala que o apoio público á capital do Estado “reforza a tendencia á diverxencia entre Madrid e boa parte das rexións españolas”. Tamén pon de manifesto que o efecto sede “inclina a actuación das autoridades centrais a favor das empresas localizadas neste territorio, ao realizar moitos máis contratos con elas en lugar de amosar a neutralidade territorial que sería esixíbel con todo o tecido empresarial”.

Unha fiscalidade que favorece as rendas altas

Os tipos fiscais aplicados polo Executivo madrileño responden a unha calculada axenda neoliberal. Segundo a Axencia Tributaria, 400 persoas, 66,6% do total estatal, cunha fortuna superior a 30 millóns de euros, non pagan impostos de patrimonio, ao estar censadas na rexión de Madrid.

Comentarios