Bruxelas avanza na creación do euro dixital e no control dos pagamentos

A Comisión Europea descarta a eliminación do diñeiro en efectivo.
O símbolo do euro diante da sede do Banco Central Europeo en Frankfurt, Alemaña (Foto: Europa Press).
photo_camera O símbolo do euro diante da sede do Banco Central Europeo en Frankfurt, Alemaña (Foto: Europa Press).

Bruxelas propuxo esta cuarta feira o marco legal dun posíbel euro dixital do Banco Central Europeo (BCE) que sexa complementario ao efectivo e que incluiría límites ás cantidades que as persoas usuarias da banca poderían posuír para evitar unha saída substancial de depósitos das entidades. 

Non obstante, si que sería posíbel realizar pagamentos alén do límite de moeda dixital que se estabeleza na futura normativa a través da vinculación do moedeiro electrónico coa conta bancaria.

Aínda que non se concretaron cifras para os límites de tenencia de moeda dixital, xa que, segundo fontes do Executivo comunitario, non sería "prudente", as análises preliminares do BCE apuntan a un máximo de entre 3.000 e 4.000 euros de límite por persoa.

O paquete normativo de Bruxelas inclúe dous conxuntos de medidas que se apoian mutuamente para garantir que as persoas usuarias teñan ambas as opcións de pagamento, en efectivo e dixital, cando queiran pagar coa moeda emitida polo banco central: unha proposta lexislativa que estabelece o marco xurídico da moeda dixital e outra sobre o curso legal do efectivo en euros.

"Como segunda moeda máis utilizada do mundo non podemos permitirnos quedarnos atrás", afirmou o vicepresidente económico da Comisión Europea, Valdis Dombrovskis. 

Dombrovskis considera que o euro dixital será "especialmente beneficioso para sectores como os pagamentos polo miúdo", aínda que "en ningún caso substituirá o efectivo".

Reembolso ás vítimas de fraude

Por outra parte, a Comisión Europea traballa nun regulamento sobre acceso a datos financeiros e pagamentos electrónicos centrado en reforzar a autenticación por parte dos clientes para darlles máis control sobre o acceso aos seus datos persoais e introducir o dereito a reembolso por parte do seu banco ás vítimas de fraude.

Comentarios