Poderían o Brasil e a Arxentina ter a mesma moeda?

O proxecto de moeda común, segundo adiantaba 'Financial Times' na xornada do domingo, suporía crear a segunda maior unión monetaria do mundo
Lula da Silva e Alberto Fernández (Foto: Casa Rosada).
photo_camera Lula da Silva e Alberto Fernández (Foto: Casa Rosada).

O presidente do Brasil, Lula da Silva, e o seu homólogo arxentino, Alberto Fernández, abríronse a pór en circulación unha moeda de uso común para impulsar o comercio exterior e as transaccións entre ambos os países, coa vista posta en ampliar esta unión ao resto de países de América Latina "a longo prazo" e evitar que a política comercial da rexión dependa do dólar.

Así o expresaron ambos mandatarios nunha rolda de prensa decorrida en Bos Aires, como parte da primeira visita ao estranxeiro de Lula e de forma previa á reunión da Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños (Celac).

En concreto, Lula explicou que, de momento, a moeda de uso que sería coñecida como 'Sur' é soamente un proxecto que esperan que poñan en marcha "proximamente" os equipos económicos dos Gobernos da Arxentina e Brasil, á espera de coñecer os detalles desta proposta.

"Estamos a traballar para que cada ministerio económico co seu equipo poida facer unha proposta de comercio exterior e de transacción entre os dous países que se efectúe a través dunha moeda común, conforme numerosos debates e moitas reunións", expresou o presidente do Brasil.

Entre os argumentos a favor, Lula destacou que hai países que teñen dificultades para adquirir dólares, polo que sería positivo contar cun tipo de moeda para o comercio exterior.

"Se de min dependese, o comercio exterior realizaríase sempre coa moeda dos outros países. Todo o novo debe de ser probado e oxalá que os ministros de Economía e os presidentes dos bancos centrais teñan a intelixencia, a competencia e a sensatez para dar este salto de calidade nas relacións comerciais e financeiras", afirmou.

Pola súa parte, o presidente da Arxentina celebrou a "vocación" do Goberno brasileiro por apostar por esta moeda común que, aínda que "non se sabe" como pode funcionar, indicou que ambos os países son "coñecedores" do “nocivo" que é que a economía dependa de moedas estranxeiras.

"É unha interesante reflexión. É necesario profundar nos vínculos entre Arxentina e Brasil porque supón motorizar todas as relacións de América Latina", engadiu.

A segunda unión monetaria do mundo

Este proxecto de moeda común, segundo adiantaba Financial Times na xornada do domingo, suporía crear a segunda maior unión monetaria do mundo, aínda que quedaría un longo proceso para chegar a este nivel, así como para ampliar este acordo a outros países.

 Ademais, durante un tempo indefinido, a nova divisa común conviviría co peso arxentino e co real brasileiro.

Xa no ano 2008 deuse un "tímido" intento para que o intercambio comercial entre Arxentina e Brasil se fixese na moeda do outro país, mais non tivo o efecto esperado debido a que era algo opcional e non obrigatorio.

Brasil é actualmente o principal socio comercial da Arxentina. O comercio bilateral entre ambos os países en 2022 chegou aos 26.419 millóns de dólares (24.017 millóns de euros).

Comentarios