A crise das criptomoedas atrapa arredor de 100.000 persoas investidoras na Galiza

Algúns criptoactivos perderon 99% do seu valor nas últimas semanas.
O Bitcoin é a criptomoeda por excelencia, pero no mercado hai até 10.000 referencias, moitas delas fraudulentas (Foto: Pexels).
photo_camera O Bitcoin é a criptomoeda por excelencia, pero no mercado hai até 10.000 referencias, moitas delas fraudulentas. (Foto: Pexels)

Cripto é unha raíz grega que significa oculto ou encuberto. No caso dos criptoactivos, e en concreto das criptomoedas, trátase de códigos dixitais que actúan como elemento de intercambio monetario á marxe dos bancos centrais e do sistema tradicional. 

Empregan para iso o blockchain ─ou cadea de bloques─ como método criptográfico para asegurar as transaccións financeiras, mais tamén para a creación de novas unidades pola técnica denominada 'minado'.

Todo este anonimato logrou atraer centos de persoas ás criptomoedas, o problema é que é difícil concretar cantos investidores hai detrás delas. Segundo Agalbit, a Asociación Galega de Blockchain e Internet das Cousas (IOT, polas súas siglas en inglés) arredor de 100.000 persoas contan con algún tipo de criptoactivo na Galiza ─entre 70 e 80% apostan no Bitcoin─, cun investimento medio de 2.500 euros por persoa.

As persoas expertas advirten de que o das criptodivisas é un mercado especialmente volátil e completamente imprevisíbel. As persoas que apostan nel deben ser conscientes de que, de igual modo que poden gañar moitos cartos en moi pouco tempo, tamén os poden perder. 

Iso é o que pasou nas últimas semanas, tanto no Bitcoin, que reduciu a súa cotización dos 36.000 até os 26.000 euros, como con outras criptomoedas como Luna e Terra, que rexistraron caídas de até 85% e 99% do seu valor en cuestión de días. 

Plataformas agresivas

Desde o sector, hai quen resta ferro ao asunto e cualifica a caída como unha corrección do mercado. Porén, o conselleiro delegado da plataforma de investimento Bitpanda, Eric Demuth, recoñecía hai uns días que non é descartábel que as compañías de criptomoedas que non teñen un crecemento sostíbel desaparezan en cinco anos e mesmo leven consigo os investimentos das persoas usuarias.

"Hai certas plataformas que fan moito ruído e son moi agresivas, pero que ao final, non teñen moita substancia", dixo Demuth, que recomendou ás persoas investidoras que investiguen moi a fondo as plataformas nas que poñen os cartos. "Se os retornos que prometen son demasiado bos para ser verdade, probabelmente ese sexa o caso", incidiu o directivo de Bitpanda.

Unha cifra que non para de medrar

Segundo avanzou o director xeral de Estabilidade Financeira, Regulación e Resolución do Banco de España, Ángel Estrada, o mercado dos criptoactivos supuxo en 2021 4,9% do PIB do Estado español, unha cifra aínda "pequena, pero que se incrementou moito fronte a anos precedentes", cun aumento medio anual de 20% nos últimos anos.

Na mesma liña, un estudo realizado polo portal Fintonic, destaca que o volume de persoas que realizou algunha transacción durante o primeiro trimestre de 2022 en plataformas de compravenda de criptomoedas multiplicouse por 11 con respecto ao mesmo período de 2020.

O importe investido tamén aumentou, con máis de 250 euros de media no trimestre do ano, tanto como en todo 2020. A media, con todo, sitúase en 100 euros e mantense constante desde o verán de 2021.

Comentarios