Mar

O BNG denuncia que Altri pode ser "o tiro de graza" para unha ría de Arousa "en continua caída produtiva"

Rosana Pérez lembra que só nos últimos tres anos a ría perdeu 200 mariscadores e mariscadoras, 7% das que había en 2020.
A deputada nacionalista Rosana Pérez, desde a tribuna do Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada nacionalista Rosana Pérez, desde a tribuna do Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)

A deputada do BNG Rosana Pérez advirte esta quinta feira de que a instalación de Altri en Palas de Rei (A Ulloa) pode supor "o tiro de graza" para a ría de Arousa, que xa se atopa actualmente "en continua caída produtiva". Tal e como apuntan desde a formación nacionalista a través dun comunicado, verase afectada por un proxecto que a Xunta da Galiza "comprometeu como ua factoría de fibras téxtiles pero que, segundo a propia empresa, é en realidade unha macrocelulosa". Adiantan tamén que o BNG exixirá ao Executivo galego "todas as explicacións do que pode significar esta macrocelulosa para o río Ulla e para a ría de Arousa".

Lembran que, tal e como apuntou a empresa no seu proxecto, a fábrica proxectada produciría 250.000 toneladas de celulosa e só 60.000 de fibras téxtiles (lyocell) nunha primeira fase, cantidades que ascenderían a 400.000 e 200.000 toneladas, respectivamente, coa factoría a pleno rendemento.

"O proxecto supón tamén unha agresión directa aos recursos hídricos, coa captación de 16 millóns de metros cúbicos ao ano (46.000 diarios), e un enorme impacto ambiental e socioeconómico, coa vertedura ao río Ulla de aproximadamente 80% da auga após sometela a procesos industriais contaminantes e de depuración industrial, o que danaría a un río que xa ten uns elevados índices de contaminación e que desemboca nunha ría de Arousa que leva anos vendo caer a súa produtividade", detallan.

Unha "nova estafa", din desde o Bloque, "que pode supor o tiro de graza para unha ría que xa está nun proceso de continua caída produtiva e de perda de postos de traballo na pesca, no sector do mexillón e no marisqueo". Pérez lembrou que só nos últimos tres anos a ría de Arousa perdeu 200 mariscadores e mariscadoras, 7% das que había en 2020.

A este respecto, a deputada apuntou que o BNG proporá no Parlamento un plan "verdadeiramente sustentábel" que contemple tanto a mellora integral da calidade da auga e da biodiversidade do Ulla como a rexeneración e reactivación da produtividade e a recuperación do emprego na ría de Arousa.

A deputada nacionalista defendeu esta iniciativa fronte "a un PP que leva anos autoproclamándose máximo defensor do mar, pero leva os mesmos votando en contra das iniciativas do BNG para protexer o sector", tales como investigar e actuar fronte ás causas da alarmante perda de produtividade na ría, estabelecer un protocolo de baleirado dos encoros que "impida ás eléctricas incidir na baixa salinidade das augas e arruinar os bancos marisqueiros ou crear un seguro público de produción marisqueira que garanta unha renda digna ao sector".

Comentarios