O BCE mercará débeda por valor de 1,1 billóns de euros

O plan prevé a compra de até 60.000 millóns ao mes até 2016.

Draghi
photo_camera Mario Draghi [UE]

Mario Draghi, presidente do Banco Central Europeo (BCE) anunciou esta quinta feira (22 de xaneiro) un programa financeiro para a eurozona no que se mercará activos públicos e privados. 

O plan prevé a compra de até 60.000 millóns de euros ao mes mais terá os seus límites, segundo explicou Draghi. Desta maneira non se adquirirá máis do 33% dun emisor e non máis do 25% dunha emisión.

Neste senso, o BCE inxectará durante 19 meses arredor de 1,1 billóns de euros cos que a institución visa paliar a deflación e premer á baixa a cotización do euro fronte ao dólar á fin de favorecer as exportacións. "Imos mercar débeda soberana até unha porcentaxe que permita a formación de prezos", subliñou o presidente do BCE. 

Segundo explicou Draghi en comparecencia de imprensa trátase dun programa "necesario" que estará vixente "até que vexamos un axuste sostido da inflación" próxima ao 2% "a medio prazo", precisou. 

A compra de débeda efectuarase através dos bancos centrais dos estados membros, unha fórmula que se axusta á tese defendida por Alemaña. Neste senso, o conxunto da unión monetaria asumirá o 20% dos riscos asumidos con cada compra mais o groso, o 80%, será enfrontado por cada Estado membro. 

Reformas

A medida non virá exenta de reformas lexislativas. Así, Mario Draghi lembrou a algúns Estados Membros que as mudanzas na política monetaria deberán acompañarse "con rápidez" de reformas estruturais. Entre elas, indicou, modificacións no mercado de traballo e aqueloutras que favorezan a actividade económica e os investimentos empresariais

No entanto, puntualizou que a institución manterá os tipos de interese como até o de agora, ao 0,05%. 

Comentarios