Os bateeiros presionan a Xunta para que amplíe as zonas de recollida da mexilla

Aseguran que a convivencia cos percebeiros é "perfectamente posíbel" e que se poden compatibilizar ambas as actividades como se fixo durante moitos anos.

EuropaPress_4327510_rueda_prensa_sector_mejillon_anunciar_movilizaciones
photo_camera Conferencia de prensa do sector do mexillón para anunciar mobilizacións, onte (Foto: Clúster do Mexillón)

O sector do mexillón manifestarase o próximo 3 de abril en Compostela para demandar á Xunta de que amplíe a ampliación das zonas de recollida da mexilla. Os bateeiros din estar "desesperados", xa que o 30 de abril finaliza o prazo para a recollida da cría de mexillón e aseguran que a metade das bateas están nestes momentos sen mexilla.

O presidente de Amegrove, Francisco Padín, recalcou que non van permitir que as bateas "fiquen baleiras" e perder así a colleita do ano que vén, algo que prevén que poida supor unha perda de mercado, que sería ocupado por mexillón foráneo.

Representantes do sector criticaron este sábado que os plans de explotación específicos do percebe aprobados o pasado decembro reservan para ese crustáceo numerosas zonas nas que tamén hai mexilla e nas que agora non se permite a súa recollida, o que significa que as zonas onde os bateeiros se abastecían "desde hai máis de 60 anos" se reducen en "máis dun 80%".

Convivencia co percebe

En todo caso, os bateeiros aseguraron que a convivencia cos percebeiros é "perfectamente posíbel" e que se poden compatibilizar ambas as actividades como se fixo durante moitos anos.

O presidente da Federación Arousa Norte, Alejandro Tubío, criticou que a Consellaría do Mar non presente avances ante as súas demandas e afirman que a eles lles vai a vida niso", polo que piden á Xunta un "cambio radical" porque até o momento denuncian que non atenderon "nin unha mínima parte" das súas necesidades.

Padín, pola súa banda, lamentou que se lles acaba o tempo e que o único que queren é que a Consellaría reconsidere a súa postura e que teña en conta informes "serios" nos que se observa que en moitas das zonas vermellas nas que agora se prohibe a recollida da mexilla a presenza do percebe "non é significativa", mentres que a da semente do mexillón si o é.

Comentarios