Bancos centrais debaterán nos EUA sobre a evolución dos tipos de xuro

Comeza unha cimeira que dirixirá a política monetaria.
Jerome Powell (Fed) e Christine Lagarde (BCE), en Sintra, Portugal (Foto: BCE).
photo_camera Jerome Powell (Fed) e Christine Lagarde (BCE), en Sintra, Portugal (Foto: BCE).

Os cumios das montañas rochosas que rodean o val de Jackson Hole, no Estado de Wyoming, nos EUA, volverán contar desde esta quinta feira coa habitual presenza da representación dos principais bancos centrais do mundo.

A xuntanza estará encabezada polo presidente da Reserva Federal dos Estados Unidos de América, Jerome Powell, que exerce de anfitrión no conclave que cada ano alí decorre (xa desde 1982) na última fin de semana de agosto.

A reunión nesta estación de montaña centrará o seu interese en como enfrontar o final do ciclo de subas de tipos de xuro, polo que este ano ten unha importancia especial nun contexto de encarecemento das cotas hipotecarias e das condicións de financiamento a nivel global. 

De tal modo, a pesar de que o 'leitmotiv' escollido para a edición deste ano do simposio de Jackson Hole, na súa edición número 46, sexa o dos "cambios estruturais na economía global", os mercados estarán pendentes de calquera pista sobre as próximas decisións dos bancos centrais dos Estados Unidos de América e da zona do euro, cuxas Presidencias teñen previsto intervir en senllas conferencias durante a xuntanza.

A cimeira será inaugurada cun discurso de Powell, moi esperado polos mercados xa que podería marcar o ton do arranque do curso económico en setembro, con especial atención ás pistas sobre a reunión de política monetaria do día 20.

Lagarde intervirá a sexta feira

Pola súa parte, Christine Lagarde, presidenta do Banco Central Europeo (BCE), ten previsto intervir esta sexta feira e podería marcar a posición á volta das vacacións tras os últimos datos macroeconómicos con vistas á reunión do Consello de Goberno do próximo 14 de setembro.

Segundo a entidade organizadora do foro, o Banco da Reserva Federal de Kansas City, este ano exploraranse varios acontecementos importantes e potencialmente de longa duración que afectan á economía mundial, incluíndo os potenciais efectos secundarios da pandemia, así como os cambios redes comerciais e a reacción dos fluxos financeiros globais.

Comentarios