A alza de prezos na eurozona baixa a 5,3% mais espéranse novas subas dos tipos de xuro

A taxa de inflación subxacente fica por riba da xeral na área económica.
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e a presidenta do Banco Central Europeo, Chistine Lagarde (Foto: Alexandros Michailidis / EC / DPA).
photo_camera A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e a presidenta do Banco Central Europeo, Chistine Lagarde. (Foto: Alexandros Michailidis / EC / DPA)

Eurostat informou esta segunda feira de que a taxa de inflación interanual da zona euro retrocedeu dúas décimas porcentuais en xullo en comparación coa do mes anterior, alcanzando así 5,3%, o que supón o menor encarecemento dos prezos desde xaneiro de 2022, segundo a estimación preliminar da oficina estatística. A moderación en xullo da escalada dos prezos obedece principalmente á caída de 6,1% no custo da enerxía, fronte á baixada de 5,6% en xuño, mentres que o encarecemento dos alimentos frescos foi de 9,2%, dúas décimas porcentuais por encima do dato rexistrado o mes anterior.

Así mesmo, no caso dos servizos, os prezos subiron 5,6% interanual, dúas décimas porcentuais máis que en maio, á vez que os bens industriais non enerxéticos encarecéronse cinco décimas porcentuais menos que o mes previo, cunha suba de 5%. Con todo, ao excluír do cálculo o impacto da enerxía, a taxa interanual de inflación en xullo situouse en 6,7%, fronte á taxa de 6,9% do mes anterior, mentres que ao deixar fóra tamén o impacto do prezo dos alimentos, o alcol e o tabaco, a taxa subxacente mantívose estábel en 5,5%.

Trátase da primeira vez desde febreiro de 2021 en que a taxa de inflación subxacente da zona euro se sitúa por encima do índice xeral, o que pode premer o Banco Central Europeo (BCE) a continuar co ciclo de endurecemento da política monetaria. Na zona euro, as menores taxas de inflación en xullo observáronse en Bélxica (1,6%), Luxemburgo (2%) e o Estado español (2,1%), mentres que as subas de prezos máis intensas rexistráronse en Eslovaquia (10,2%), Croacia (8,1%) e Lituania (7,1%).

Entre as maiores economías da zona euro, á marxe do Estado español, a taxa de inflación interanual de Alemaña moderouse até 6,5% desde o índice de 6,8% de xuño, mentres que en Francia baixou a 5% desde 5,3% e en Italia situouse en 6,4%, fronte á taxa de 6,7% rexistrada en xuño.

Produto Interior Bruto

O produto interior bruto (PIB) da zona euro rexistrou unha expansión de 0,3% no segundo trimestre de 2023, tras o estancamento rexistrado nos tres primeiros meses de 2023. Pola contra, no conxunto da Unión Europea (UE) a taxa de crecemento do PIB estancouse entre abril e xuño, despois da expansión de 0,2% observada no primeiro trimestre do ano. En comparación co segundo trimestre de 2022, o PIB da zona euro creceu 0,6% e o da UE 0,5%.

O maior ritmo de expansión trimestral correspondeu a Irlanda (3,3%), por diante de Lituania (2,8%) e Francia (0,5%). Pola contra, os Estados con peor desempeño no trimestre foron Suecia (-1,5%), Letonia (-0,6%), Austria (-0,4%) e Italia (-0,3%). A economía alemá estancouse entre abril e xuño, despois da contracción de 0,1% no primeiro trimestre, mentres que Portugal tampouco rexistrou crecemento no segundo trimestre, despois da expansión de 1,6% nos tres primeiros meses de 2023.

En comparación co segundo trimestre de 2022, as taxas de crecemento máis altas foron as de Irlanda (2,8%), Portugal (2,3%) e o Estado español (1,8%). Por contra, os maiores descensos interanuais rexistráronse en Suecia (-2,4%), Chequia (-0,6%) e Letonia (-0,5%).

A Airef estima un crecemento menor na Galiza que no Estado

A Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) estimou esta segunda feira que o PIB da Galiza creceu 1,4% no segundo trimestre do ano en comparación co mesmo período de 2022, o que supón menos que a taxa de 1,8% da media do Estado español.

Con respecto ao primeiro trimestre, o crecemento da economía galega obtivo entre abril e xuño unha taxa similar á do conxunto do Estado español, cun medre de 0,4%. Estas estimacións por autonomía da Airef realízanse unha vez o Instituto Nacional de Estatística (INE) publica o avance do PIB estatal.

Pola súa parte, o Consello Xeral de Economistas elevou esta segunda feira a súa previsión de crecemento da economía estatal en 2023 en dúas décimas porcentuais respecto ás estimacións anteriores, até a taxa de 2,3%, segundo se desprende do seu último Observatorio Financeiro.

A pesar da moderación do crecemento no segundo trimestre -de 0,4%- e a corrección dunha décima porcentual do medre no trimestre anterior, as boas expectativas do turismo, a moderación da inflación e o alto nivel de ocupación fan prever un incremento positivo no terceiro trimestre.

Comentarios