A banca expatriou 31.469 millóns de aforro galego cara a outros territorios

A fuga de capitais rexistrou máximos históricos na Galiza no primeiro semestre deste ano. Segundo os datos achegados polo Banco de España, as entidades de crédito asentadas no país expatriaron nese período 31.469 millóns de euros do aforro cara a outros territorios, sendo o principal beneficiado  desta dinámica Madrid.
As entidades de crédito son unha peza chave na drenaxe do aforro galego. (Foto: Europa Press)
photo_camera As entidades de crédito son unha peza chave na drenaxe do aforro galego. (Foto: Europa Press)

Os últimos datos ofrecidos polo boletín estatístico do Banco de España, que foron publicados esta semana, volven mostrar a drenaxe do aforro galego por parte dos operadores financeiros con presenza na Galiza. 

Segundo a información do regulador bancario estatal, referida ao primeiro semestre de 2022, os depósitos custodiados polos bancos con actividade na Galiza sitúanse en 79.147 millóns de euros, representando o crédito concedido no país polas mesmas entidades 47.678 millóns de euros, o que significa unha fuga de capitais de 31.469 millóns de euros.

O aforro galego supón 5,22% do total estatal mentres o crédito do sistema financeiro sitúase en 3,78%, unha porcentaxe máis de dous puntos inferior ao peso da poboación galega no conxunto do Estado. 

Neste sentido, a caída do crédito prodúcese nun contexto de endurecemento das condicións de financiamento para as persoas físicas e xurídicas, destacando os problemas de capitalización do tecido empresarial galego, que limita a capacidade para acometer novos investimentos e obriga, en moitos casos, a acudir a fórmulas de financiamento non exentas de perigos, como os fondos de capital risco.

O aumento dos depósitos presenta unhas características particulares ao producirse nun contexto marcado por unha elevada inflación. Precisamente, este fenómeno xera unha importante desvalorización do aforro, até o punto de que os depositantes galegos viron minguado o valor real dos seus aforros desde agosto de 2021 en 8.706 millóns de euros. O impacto da inflación afecta de forma especial os pequenos e medianos aforradores, optando os grandes patrimonios por outras formas de investimento.

Máximos históricos

A cifra drenada polo sistema financeiro, que se sitúa en 31.469 millóns de euros, supera en 19.853 millóns o orzamento do Goberno galego para 2022. Asemade, excede en 22.809 millóns de euros todo o investimento social da Xunta da Galiza neste exercicio, incluíndo o gasto sanitario, educativo e en servizos sociais. Na mesma liña, os aforros xerados pola cidadanía galega están por riba do Produto Interior Bruto (PIB) do país, que en 2020, último ano con datos definitivos, marcou 59.105 millóns de euros.

A fuga de capitais rexistra máximos históricos neste primeiro semestre de 2022. O aforro expatriado incrementouse en relación co anterior trimestre en 2.481 millóns de euros, chegando entre xaneiro e marzo o total de depósitos galegos a 76.021 millóns de euros e o crédito a 47.033 millóns de euros, o que representou un diferencial nese período de 28.988 millóns. Precisamente, o groso dese capital derivouse a outros destinos do Estado español e do resto do mundo, sendo Madrid a primeira beneficiada da fuga de capitais galegos.

O histórico do boletín estatístico do Banco de España, cuxa información atesoura datos dos últimos 60 anos, confirma que nunca antes a expatriación do aforro galego marcara unhas cifras tan elevadas. Así, por exemplo, no mesmo período do pasado exercicio o total dos depósitos custodiados polos bancos con actividade na Galiza foi de 74.481 millóns de euros, representando os créditos das mesmas entidades 47.648 millóns de euros, o que xerou un fuga de capitais de 26.833 millóns de euros. Na mesma dirección, o aforro galego nunca representou unha porcentaxe tan elevada no total estatal.

'Descapitalización'

As consecuencias da expatriación do aforro polo conglomerado financeiro ten uns efectos perniciosos para a economía galega. 

Nesta liña, véñense manifestando desde finais do século XIX unha parte significativa dos economistas galegos, afirmando en datas máis recentes Xosé Díaz, autor do libro publicado por Sermos Galiza S.A. As contas que nos contan, que se trata da “descapitalización do país”, a través da “actuación do sistema financeiro operante na Galiza, que conduce a que os nosos depósitos non sexan realmente nosos”.

A lóxica dos créditos e dos depósitos

O economista Xosé Díaz considera que a lóxica dos créditos e dos depósitos “veñen presentarnos a situación histórica que á Galiza se lle fixo xogar, drenándolle parte do seu capital, dos seus aforros, para financiar o desenvolvemento e o benestar do resto do Estado español".

Comentarios