A banca expatriou 28.988 millóns de aforro galego desde xaneiro a marzo de 2022

A fuga de capitais rexistrou máximos históricos na Galiza no primeiro trimestre deste ano. Segundo os datos publicados polo Banco de España, as entidades de crédito asentadas no país expatriaron nese período un total de 28.988 millóns de euros do aforro cara a outros territorios, sendo a principal beneficiada a rexión de Madrid.

O conglomerado financeiro é chave na expatriación dos aforros galegos. (Foto:Europa Press).
photo_camera O conglomerado financeiro é chave na expatriación dos aforros galegos. (Foto:Europa Press).

O Banco de España vén de facer públicos os datos de créditos e depósitos relativos ao primeiro trimestre de 2022. Así, o aforro galego situouse entre xaneiro e marzo en 76.021 millóns de euros e o crédito alcanzou 47.033 millóns de euros. Neste sentido, as entidades bancarias con actividade na Galiza expatriaron nese período 28.988 millóns de euros cara outros territorios do Estado español e do resto do mundo. A este respecto, Madrid volveu ser, máis unha vez, a primeira beneficiada da fuga de capitais galegos.

O aforro expatriado no primeiro trimestre de 2022 rexistrou máximos históricos. Un exemplo do alcance desta contía é que supera en 17.372 millóns de euros o orzamento da Xunta da Galiza de 2022. Asemade, excede en 20.328 millóns de euros todo o investimento social do Goberno galego nesta anualidade, incluíndo dentro do mesmo o gasto sanitario, educativo e en servizos sociais. Ao tempo, os depósitos xerados pola cidadanía galega están por riba do Produto Interior Bruto (PIB) do país, que en 2021 marcou 59.105 millóns de euros.

A fuga de capitais

A fuga de capitais incrementouse en 96 millóns de euros en relación co trimestre anterior. Segundo os datos recollidos polo boletín estatístico do Banco de España para os tres meses finais de 2021, o total dos depósitos custodiados polos bancos con actividade na Galiza foi de 75.595 millóns de euros, representando os créditos das mesmas entidades 46.693 millóns de euros, o que xerou a expatriación de 28.902 millóns.

O diferencial entre depósitos e crédito medrou en referencia ao período anterior á pandemia. A este respecto, no último trimestre de 2019 os aforros totais dos galegos ascenderon a 68.819 millóns de euros, o crédito fornecido polas entidades bancarias marcou 41.548 millóns de euros e a fuga de capitais situouse en 27.271 millóns de euros, isto é, 1.717 millóns de euros menos que na actualidade. Porén, a finais de 2019 a expatriación do aforro xa superaba as súas cifras tradicionais da década, fixada en 15.000 millóns de euros. Precisamente, naquel ano Madrid recibiu, practicamente, 60% dos depósitos succionados.

O impacto da expatriación do aforro polo conglomerado financeiro resulta prexudicial para a economía galega. Neste sentido, o economista e autor de As contas que nos contan (editado por Sermos Galiza S.A.), Xosé Díaz, advirte da "descapitalización do país", a través da "actuación do sistema financeiro operante na Galiza, que conduce a que os nosos depósitos non sexan realmente nosos". Na mesma dirección, sinala que a lóxica dos créditos e dos depósitos "veñen presentarnos a situación histórica que á Galiza se lle fixo xogar, drenándolle parte do seu capital, dos seus aforros, para financiar o sector empresarial e, en xeral, o desenvolvemento e o benestar do resto do Estado, nomeadamente Madrid, sede da maioría do sector financeiro operante na Galiza".

O aforro marcou máximos no primeiro trimestre de 2022. Tanto é así que medrou en 2.937 millóns de euros no último ano e en máis de 9.202 millóns de euros en relación cos momentos previos da pandemia, algo que os especialistas vinculan á decisión dun número de persoas de transferir a líquido unha parte dos activos. Neste caso a tendencia rexistrada na Galiza é semellante á do resto do Estado, onde os depósitos se dispararon até uns niveis descoñecidos. Esta alza xérase ademais nun contexto inflacionista, fenómeno que desvaloriza os depósitos, até o punto de perder as persoas aforradoras 7.532 millóns por mor da suba de prezos desde xuño de 2021.

Sobe o crédito

O crédito, tamén, aumentou pero nunha porcentaxe inferior. Neste sentido, só sumou 40 millóns de euros máis que no pasado trimestre e 5.485 millóns de euros que antes da pandemia. Este incremento debeuse ás operacións formalizadas coas administracións públicas, nomeadamente coa Xunta da Galiza, que recorreu a créditos por unha contía de 4.800 millóns de euros para satisfacer a súas necesidades de financiamento, o que representou 44% máis que o pasado exercicio.

A drenaxe do aforro

A drenaxe do aforro galego polos mecanismos do sistema financeiro vén de vello e viuse favorecido nas dúas últimas décadas coa dinámica de centralización do poder económico en Madrid, acentuado após o proceso de reconversión bancaria e o modelo de xestión da crise  económica de 2008.

Comentarios