A axuda estatal ao transporte percibida pola Galiza é 2,7 puntos porcentuais menor ao peso poboacional do país

A Galiza tan só recibe 3,4% dos fondos estatais para sufragar as axudas ao transporte público, por detrás de autonomías menos poboadas como Euskadi ou Canarias. Tan só o que reciben Madrid e Catalunya supón 59,2% dos 256,5 millóns de euros que o Executivo estatal leva transferidos
Un autobús urbano transita pola capital galega (Foto: Nós Diario).
photo_camera Un autobús urbano transita pola capital galega (Foto: Nós Diario).

O Goberno español concedeu provisionalmente 256,5 millóns de euros en axudas ás comunidades e cidades autónomas para financiar o desconto de 30% do prezo do transporte público da súa competencia. 

A Galiza tan só percibiu 8,7 millóns da contía, o que supón 3,4% do total dos fondos destinados a esta medida. Un dato que contrasta co peso poboacional galego dentro do Estado español, de 5,7%. 

A cantidade de diñeiro que percibe a Galiza para financiar o desconto ao transporte é polo tanto 2,3 puntos porcentuais inferior ao que lle correspondería tendo en conta o número de persoas que residen no país.  

O territorio galego conta con 2.691.557 habitantes, sendo a quinta autonomía cun maior número de persoas residentes. Porén, a Galiza situase en sétimo lugar na cantidade achegada por parte do Estado español. 

Outras comunidades con menos poboación, como Euskadi ou Canarias, perciben unha cantidade maior de fondos. Unha mingua na cantidade recibida pola Galiza acentuada pola diferenza en dispersión poboacional en relación a territorios como Madrid ou Catalunya, con maior densidade de persoas que residen en grandes núcleos. 

Autonomías como a madrileña e a catalá son precisamente as que máis reciben destas transferencias. En concreto, Madrid recibiu até a data 84,7 millóns de euros, mentres que a Catalunya destináronse 67,1 millóns. Tan só o que reciben Madrid e Catalunya supón 59,2% dos 256,5 millóns de euros que o Executivo estatal leva transferidos por este concepto.

O Ministerio de Transportes  do Estado español publicou esta cuarta feira a resolución provisional na súa sede electrónica, polo que, desde esta quinta feira, ábrese un período de audiencia pública de cinco días hábiles para que as beneficiarias presenten alegacións. 

Unha vez fique concluído o período e analizadas as alegacións, procederase a publicar a resolución definitiva e ao aboamento das cantidades correspondentes, previsibelmente antes de final de ano.

Comentarios