A Audiencia Nacional absolve Alu Ibérica de irregularidades na venda de Alcoa, que si terá condena

A antiga propietaria das factorías da Coruña e Avilés terá que cumprir as condicións que se pactaron en 2019 coa representación das e dos traballadores. Aliás, a institución libra de culpas a Alu Ibérica pero advirte de que “nin Parter nin Grupo Riesgo cumpren perfil de comprador serio e solvente”.

Protesta do comité de Aluibérica. (Foto: M. Dylan / Europa Press) #alcoa #aluibérica #parter #laboral #conflito #audiencianacional
photo_camera Protesta do comité de Alu Ibérica. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O proceso aberto pola Audiencia Nacional para investigar a venda das fábricas de Avilés e A Coruña por parte de Alcoa ao Grupo Riesgo, propietario de Alu Ibérica -cun paso intermedio-, chega aos seus últimos capítulos despois de que nesta terza feira a multinacional fora condenada a cumprir as condicións que pactou co cadro de persoal en 2019.

Pola contra, a Audiencia entende que Alu Ibérica debe librarse da condena -a pesar das protestas das e dos traballadores- porque a responsabilidade coas empregadas era só de Alcoa. En todo caso, pon en dúbida o bo facer de compañías como Parter e o Grupo Riesgo.

Dado o auto feito público, Alcoa terá que atender aos pactos sobre as condicións de rescisión de contratos e de recolocación externa tal e como se asinou coa representación laboral o 15 de xaneiro de 2019.

A sala do Social do Tribunal sostén que hai que seguir adiante con esta alternativa ao incumprir “a medida complementaria consistente na reindustrialización das plantas e o mantemento do emprego mediante a súa compravenda a un empresario serio, solvente e rigoroso”.

A este respecto, a sentenza contrapón o argumento de que "nin Parter nin Grupo Risco cumpren perfil de comprador serio e solvente".

Desta forma se estima parcialmente a demanda de varios sindicatos no marco do conflito colectivo. No que non apoia a estas entidades é na condena a Alu Ibérica, tanto na Coruña como en Avilés, ao entender que o incumprimento dos acordos repercute só en Alcoa porque se chegou a eles no período de consultas.

Un "fracaso" e unha "desolación"

Neste sentido, a firma está vinculada ás consecuencias da opción de reindustrialización e mantemento do emprego “que resultando fracasada, dá lugar á reactivación das extincións contractuais”.

Así o considera ao destacar que non houbo unha adaptación para solucionar a obsolescencia das dúas plantas, algo que implicaría un amplo investimento. Ao respecto, indica que sobre Parter Capital e Blue Motion -compradoras nun primeiro momento- "ningún dato ofrece Alcoa nin no proceso de venda e da súa implementación posterior acerca destas dúas sociedades que permita sequera inferir que cumpren co perfil do comprador serio, solvente e rigoroso que debe acreditar".

"Ao contrario, o que resulta manifesta é a contribución de ambos á situación de desolación en que se atopan as plantas e os seus traballadores", subliña o documento feito público.

Reaccións laborais

Unha das primeiras reaccións a este auto foi a de UXT que considera que a condena a Alcoa "non soluciona o mantemento do emprego".

Por iso, reclama o "compromiso" do Goberno español e da Xunta para traballar a prol das e dos traballadores.

Comentarios