As cinco chaves do conflito de Alcoa

O 28 de maio faise un ano do inicio das mobilizacións contra o ERE e a venda da factoría de San Cibrao segue sen resolverse.
Protesta do cadro de persoal de Alcoa o pasado mes de novembro en Lugo, na que pedía a intervención da planta de San Cibrao (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Protesta do cadro de persoal de Alcoa en novembro en Lugo, na que pedía a intervención da planta. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O vindeiro 28 de maio faise un ano desde o inicio das protestas por parte do persoal traballador de Alcoa en San Cibrao (Cervo) contra a decisión da empresa de fechar a planta de alumino primario e acometer un despedimento colectivo que afectaría 534 persoas, ademais dos empregos destruídos nas auxiliares. Desde entón, o conflito deu moitas voltas, mais segue sen solución á vista.

O ERE

Aínda que os problemas de Alcoa viñan xa de atrás, o anuncio do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) supuxo o inicio do enfrontamento entre Alcoa e o seu persoal de San Cibrao. As negociacións comezaron a finais de xullo de 2020. A multinacional non se amosou en ningún momento disposta a ceder, aínda que finalmente accedeu a explorar unha alternativa: a venda da planta a un terceiro, Liberty House. A negociación non obtivo o resultado agardado e á volta do verán a firma norteamericana retomaría o seu plan inicial, que non era outro que o de fechar a planta e executar o despedimento colectivo. 

Porén, o cadro de persoal levara o ERE ante a Xustiza. O Tribunal Superior da Galiza (TSXG) deulles a razón e tumbou o despedimento colectivo ao apreciar "mala fe" de Alcoa nas negociacións. A resolución foi recorrida pola multinacional ante o Supremo, que está agora pendente de resolvela.

As protestas

Desde o primeiro momento, os traballadores pediron a intervención de Alcoa por parte da Xunta e do Goberno español  para garantir a continuidade da actividade industrial na Mariña. 

Marchas e mobilizacións sucedéronse por todo o país até que Alcoa accedeu a negociar a venda. Porén, á vista dos nulos avances e do incumprimento dos prazos marcados, o comité decidiu incrementar a presión e convocar unha folga indefinida que se alongou até final de ano.

Foi entón cando Alcoa optou por retomar as conversas para a venda, desta vez coa Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) como interlocutor, a cambio da paz social e do levantamento da folga, pero novamente volveuse cumprir o prazo sen alcanzar acordo ningún, o que leva o comité a pór enriba da mesa un calendario de mobilizacións e a volta á folga.

Pero nun novo xiro dos acontecementos Alcoa promete esta mesma semana sentar a negociar por terceira vez, neste caso coas empresas interesadas, a cambio de manter a paz social e todo queda no aire.

O papel da SEPI

As Administracións teñen na súa man a solución ao conflito. Tanto a Xunta (Igape) como o Estado español (SEPI), poden intervir a empresa amparándose en que é unha instalación estratéxica ─a única planta de aluminio primario do Estado─, pero non se queren comprometer. 

Nas negociacións do pasado verán entre Liberty House e Alcoa, a SEPI interveu no último momento para facer unha oferta a Alcoa pola que sería o ente público quen comprase a factoría, seguindo o exemplo do Goberno italiano na Sardeña.

En decembro, as negociacións entre Alcoa e a SEPI volveron a ese mesmo punto, pero o organismo público preferiu optar por un papel secundario, que se limita a facer de mero intermediario no momento da venda entre a multinacional norteamericana e o futuro comprador.

Desde a Secretaria de Estado de Industria xa advertiron que non ían encargarse de buscar ese comprador, labor que lle encargaban a Alcoa, e que tampouco estaban en disposición de incluír unha cláusula no acordo para eximir a empresa de responsabilidades futuras.

A mala fe de Alcoa

O TSXG certificou a "mala fe" de Alcoa nas negociacións por non demostrar vontade para vender a planta da Mariña. A empresa non quixo modificar o ERE cos sindicatos e, nas veces que sentou a negociar, nunca cumpriu os prazos. Só conseguiu adiar os seus plans e gañar tempo, quizais á espera dunha sentenza favorábel do Supremo que lle despexe o camiño. De feito, insiste en pedir a paz social ao cadro de persoal mentres mantén aberta a vía xudicial contra el. 

Problemas engadidos

No conflito xurdiron tamén varias frontes externas. Por un lado a xudicialización do proceso de venda das plantas de Alcoa da Coruña e Avilés a Parter e, por outro, os problemas de liquidez de Liberty House. Ambos os dous interferiron no proceso de venda da planta de San Cibrao. 

Comentarios