Decretan a intervención da planta de Alu Ibérica na Coruña ao detectar indicios de "descapitalización"

Após a investigación encargada pola Audiencia Nacional -e que fora reclamada pola propia representación das e dos traballadores- a Xustiza responde. Un auto indica que esta situación axudou a que se dera unha “imposibilidade de reflotar” a factoría vendida por Alcoa, ao igual que sucedeu coa fábrica de Avilés. Polo momento, a medida prolongarase durante seis meses.
Protesta do cadro de persoal da Coruña. (Foto: M.Dylan / Europa Press)
photo_camera Protesta do cadro de persoal da Coruña. (Foto: M.Dylan / Europa Press)
O xulgado central de Instrución número 3 de Madrid vén de dar un xiro á situación das fábricas de Alu Ibérica na Coruña e Avilés, que foran vendidas por Alcoa e chegaran a mans do Grupo Riesgo nun complexo proceso.

Tras seguir unha orde de investigación da Audiencia Nacional e decidir que existen indicios de que foi levada a cabo unha “descapitalización” da compañía, a Xustiza ordena a intervención.

En concreto, o que vai ser intervido van ser varias sociedades: Iberian Green Aluminium Company, Alu Holding Spain, Alu Holding AVL, Alu Ibérica AC e Alu Ibérica AVL. No auto, datado o 27 de abril, fálase dun tempo de seis meses que podería ir “prorrogándose por períodos iguais” se fora preciso.

O xulgado -que designou como administradores xudiciais funcionarios da Intervención Xeral da Administración do Estado e da Intervención Xeral da Seguridade Social- considera que esta é a opción “máis axeitada e proporcionada neste momento procesual”.

No escrito as persoas responsábeis da sala indican que, coa información que teñen, “evidénciase a indubidábel necesidade de adoptar as cautelas precisas para evitar que durante o presente procedemento, as entidades quereladas poidan realizar operacións que incidan até o momento indiciaria actuación de descapitalización e despatrimonialización das empresas e os centros de produción da Coruña e Avilés”.

O documento oficial fai fincapé en que a intervención ordenase “en aras a salvagardar os dereitos e expectativas dos traballadores da empresa ou grupo de empresas, e dos acredores e/ou Administracións Públicas eventualmente prexudicados, que puideren resultar afectados polas prácticas, suxeitas a investigación, dos actuais xestores e administradores".

"Unha operación evidente"

Atendendo ao que se sabe actualmente, o xulgado revela que nos distintos procesos de compravenda, para que as factorías pasaran de mans de Alcoa a Alu Ibérica identifícase “unha operación que evidenciaría a descapitalización das empresas Alcoa Inespal Avilés S.L. e Alcoa Inespal Coruña S.L.".

"Ademais de contribuír á imposibilidade de reflotalas co consecuente prexuízo aos acredores e traballadores, serían desviados en beneficio de Blue Motion Tecnhologies", engade.

O papel de System Capital Managemet, semella, foi o de “canle para detraer capitais das plantas de produción” algo que, “non pode senón valorarse como un acto de baleirado patrimonial”.

Todo o proceso comezou por unha denuncia da Confederación de Cadros Profesionais contra dez persoas físicas e nove xurídicas que foi admitida a trámite e levou a que a xuíza da Audiencia Nacional, María Tardón, pedise a investigación de Anticorrupción. De feito, na Coruña as e os investigadores marcharon con algunha documentación no mes de marzo. A nova dáse nun clima de tensión polos acontecementos que se deron despois na planta, como pode ser o despedimento de membros do comité.

Solicitude de xestión pola SEPI

O presidente do comité, Juan Carlos López Corbacho, resaltou que hai “evidencias claras” do “engano” e a “estafa” que se fixeron coa venda ao grupo Parter e, posteriormente, ao grupo Riesgo para dar lugar a Alu Ibérica.

Pero a López Corbacho e ao cadro de persoal non lle vale só coa intervención. Reclaman que a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) acceda a xestionar de forma directa as dúas sedes como fórmula para “salvagardar” a actividade e os postos de traballo.

Houbo sorpresa na Coruña, pero a medida tamén era agardada “dada a deriva que estaban a tomar as fábricas”, nas que se sucedían os paros do traballo.

Pola súa banda, Alcoa -antiga propietaria- di respectar as decisións xudiciais e estar aberta á cooperación. Porén, di que a venda “foi avalada polo Goberno español e apoiada polos representantes dos traballadores”.

En paralelo, e respecto ao despedimento supostamente disciplinario de membros do comité da Coruña, a Comisión Europea advertiu de que, aínda que serán os tribunais nacionais os que se encarguen do conflito, vai vixiar “de preto” a situación dos representantes sindicais das e dos operarios.

Comentarios