A dirección da firma Alu Ibérica vén de reaccionar hoxe ao anuncio de onte sobre a inminente intervención xudicial das fábricas da Coruña e Avilés despois de que a investigación ordenada pola Audiencia Nacional -por unha denuncia dun colectivo de representación dos traballadores- amosase indicios de que houbo unha certa “descapitalización” do negocio que fai moi complicado coller novo impulso na industria.
A firma, propiedade do Grupo Riesgo, indica que após deixar o auto en mans do seu equipo legal hai unha máxima “colaboración” e interese en facilitar a “información” que se precise para amosar a “correcta administración” das plantas galega e asturiana.
“Consideramos que o traballo diario co equipo interventor permitirá demostrar a transparencia coa que sempre actuou a dirección de Alu Ibérica e reforzará a súa defensa nesta causa”, incide.
Ademais, explica que fixeron chegar o aviso ao cadro de persoal, ao que lle pediron tranquilidade, e tamén a socios, clientes e provedores.
“Nestes momentos a produción de aluminio segue o seu curso e funcionamento ordinario”, engade, malia que as e os traballadores da Coruña insistían onte en que había momentos en que a actividade estaba parada.
Igualmente, o colectivo volveu pedir que a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) asuma o control para garantir o futuro desta industria. No entanto, desde Alu Ibérica xa advirten que a intervención “non representa un cambio na xestión nin no funcionamento ordinario” das factorías.
Neste contexto, a directora xeral de Industria do Goberno asturiano, Rosana Prada, manifestou a súa confianza en que a entrada da Xustiza neste asunto vai evitar “operacións en detrimento” das fábricas e vaise “reconducir a actividade”.