Centos de persoas claman contra a "represión sindical" de Alu Ibérica

A convocatoria das tres centrais sindicais en apoio aos membros do comité de empresa da antiga Alcoa que foron despedidos congregou a numerosas persoas que tamén exixiron un "futuro industrial" para a factoría. Co proceso de venda da fábrica baixo investigación da Audiencia Nacional, séguese a demandar a intervención pública.
Un momento da protesta de hoxe na Coruña. (Foto: M.Dylan / Europa Press)
photo_camera Un momento da protesta de hoxe na Coruña. (Foto: M.Dylan / Europa Press)

Centos de persoas participaron esta mañá na manifestación convocada na Coruña pola CIG, CCOO e UXT para protestar contra a "represión sindical" detectada no seo da firma Alu Ibérica, pois a compañía do grupo Riesgo despediu hai algunhas semanas a varios membros do comité de empresa -entre eles o presidente, Juan Carlos López Corbacho- acusándoos de supostas agresións.

Para as centrais sindicais esta acción foi a resposta da compañía as protestas que viñan encabezando os afectados e que demandaban a intervención da planta coruñesa por parte do Estado español debido a posíbeis irregularidades tanto na axenda de traballo actual como na compra a Alcoa. De feito, a Audiencia Nacional investiga estas presuntas irregularidades.

Nun contexto de tensión, as e os manifestantes reclamaron que se garanta un "futuro industrial" para a fábrica, o que para moitas persoas pasa precisamente por invalidar a operación e negociar outra saída, como podería ser a nacionalización.

Na protesta escoitáronse cánticos como "Se non hai solución, Goberno dimisión" e lemas como "Pola defensa dos postos de traballo na comarca".

Reaccións sindicais

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, exixiu a "implicación" da Xunta e do Goberno do Estado español para conseguir esa garantía de futuro. Desde o seu punto de vista "a única solución seria é a intervención sen demoras".

"Só faltaría que isto acabase nun concurso de acredores ou que a empresa utilizase a reforma laboral, que fai falta derrogar", remarcou.

Na marcha, que foi desde a Delegación do Goberno até a praza de María Pita, tamén participaron os secretarios xerais de UXT e CCOO, Pepe Álvarez e Unai Sordo, respectivamente, así como os seus homólogos no país. O primeiro exixiu que se poña fin "a represión sindical" nun contexto que "acabará con toda seguridade coma o de Sargadelos pero despois de pasar polos tribunais". Sobre a venda da fábrica apuntou a "unha clara estafa".

Sordo opinou que os despedimentos responderon a "unha actitude intolerábel da empresa" e pediu que as Administracións se impliquen.

Pola súa banda, o secretario xeral de Comisións na Galiza, Ramón Sarmiento, chamou á xente a "arroupar" as persoas que "inxustamente están a ser despedidas por rebelarse contra unha empresa que ten as prácticas máis indesexábeis". Malia que está convencido que a Xustiza dará a razón ao cadro de persoal nas súas denuncias, avisou de que os sindicatos "van pasar lista" ás institucións e partidos políticos para ver o seu apoio. O da UXT no país, José Antonio Gómez, pediu que se procure unha solución ao conflito "entre todos".

Participación política

Tamén se viron caras coñecidas da política local, entre elas membros do BNG e o PSdeG. Igualmente acudiron alcaldes da comarca e a subdelegada do Goberno español na Coruña, Pilar López-Rioboo. O comité tamén foi atendido no Concello, desde onde agradeceu as mostras de agarimo.

Polo de agora xa transcendeu que a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, terá unha reunión coa rexedora de Avilés, Mariví Monteserín, na terza feira para analizar a situación das dúas plantas de Alcoa que remataron en mans do Grupo Riesgo.

Comentarios