O Estado español persóase na causa xudicial contra Alu Ibérica

O comité de Alu Ibérica na Coruña cualifica de "boa noticia" o persoamento da Avogacía do Estado español en representación do Ministerio de Industria na causa pola venda das antigas plantas de Alcoa, para as que segue a pedir a intervención pública.
Axentes da Policía Nacional conversan cos representantes do comité ás portas da factoría de Alu Ibérica (M.Dylan / Europa Press)
photo_camera Axentes da Policía Nacional conversan cos representantes do comité ás portas da factoría de Alu Ibérica (M.Dylan / Europa Press)

O Estado español, a través da  Avogacía do Estado, vén de anunciar que comparecerá na causa penal contra Alcoa, Parter e Grupo Riesgo por branqueo de capitais, insolvencia puníbel e outros delitos que se instrúe no xulgado Central  número 3 de Madrid.

Segundo fontes da Delegación do Goberno español na Galiza, esta comparecencia persegue "que se defendan os intereses do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo" en relación ás axudas públicas concedidas por compensación de custos de emisións indirectas de CO2 ás factorías da Coruña e Avilés, agora en mans de Alu Ibérica.

O Estado español súmase así ao proceso iniciado en decembro de 2020, cando a xuíza da Audiencia Nacional María Tardón admitiu a querela presentada pola Confederación de Cadros Profesionais contra un total de dez persoas físicas e nove xurídicas en relación co proceso de venda das plantas de Alcoa na Coruña e Avilés.

A querela presentouse por feitos que, a xuízo do sindicato, son constitutivos dos delitos de estafa agravada, insolvencia  puníbel, apropiación indebida, contra a seguridade dos traballadores e pertenza a grupo criminal, e dirixíase, entre outros, contra Víctor Rubén Domenech e as sociedades Alcoa Inespal  SLU, Alu Ibérica LC SL, Alu Ibérica AVL SL ou Parter Capital Group.

O comité insiste na intervención pública

En declaracións a Nós Diario, o presidente do comité de empresa de Alu Ibérica na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, recoñeceu que o persoamento do Estado español na causa é unha "boa nova a medias". "Ao Estado hai que pedirlle que se persoe nos xulgados, pero que tamén se persoe nas plantas para intervilas e poñelas a salvo  en esa solución industrial que precisamos", unha solución que, como apuntou, "o Xulgado non nola vai dar". 

Por outra banda, os traballadores están á espera de que o Xulgado se pronuncie sobre as medidas cautelares solicitadas após a intervención da Udef nas plantas de Alu Ibérica. Tamén de que o Ministerio de Industria lles convoque para falar da saída industrial das factorías que, como denuncian, están nunha "situación crítica", marcada pola falla de xestión, a escasa produción e o deterioro "tremendo" das instalacións.

Comentarios