Audasa, outra vez

A AP9 subirá as peaxes, continúa acumulando beneficios, é a autoestrada no Estado que máis queixas acumula e o debate sobre a súa transferencia a Galiza esmoreceu de vez por mor do veto do goberno español. 

A infraestrutura terrestre máis importante de Galiza, a vía que conecta de norte a sur a fachada atlántica do país e que nestas décadas foi o eixo sobre o que pivota a liña de boa parte da poboación e economía galega, non deixa de dar motivos para o cabreo. AP-9 leva recadado en peaxes desde a súa apertura máis de 2.200 millóns de euros e xerou máis de 750 millóns de euros de beneficio, polo que está abondo amortizada. Cada día a concesionaria recada uns 300.000 euros en peaxes.

Agora, vénse de coñecer que a partir do 1 de xaneiro vai aplicar unhas subas extraordinarias permitidas polo Ministerio de Fomento e de por volta de 3,1%. Cóntao La Voz de Galicia, que indica que a suba é para anmortizar obras e descontos. A Autoestrada do Atlántico manténdose no podio das máis caras no Estado español.

Isto, ademais, prodúcese nun marco no que con apenas 80 persoas empregadas no seu cadro de persoal –a que menos ten no Estado-, o beneficio obtido superou o ano pasado os 45 millóns de euros. Un de cada tres euros que recada son beneficios. Para completar a fotografía, desde 2013 é a autoestrada que máis queixas acumula no Estado, 215 só en 2015, segundo informa o Faro de Vigo. Todo isto, mentres o debate sobre a titularidade desta infrastrutura e o seu resgate esmoreceu por mor do veto do goberno español.

En Marea xa anunciou este domingo que preguntarán no Parlamento “por que permite a suba de tarifas de Audasa se os beneficios da empresa non deixan de medrar e AP-9 ofrece o peor servizo das autopistas do estado”. Ana Pontón (BNG) xa expresou o sábado nas redes sociais a súa preocupación e malestar ao se coñecer a nova suba que aplicará Audasa

Comentarios