Portazo do ministro a que se debata a transferencia a Galiza de Autoestrada do Atlántico

Fomento afirma que traspasar a AP9 a Galiza provocaría un ”desmantelamento” da rede de estradas do estado

O ministro Iñigo de la Serna aludiu á “coxuntura política” creada por Catalunya para defender o veto a debater no Congreso este traspaso. Feijóo pide “apoiar o goberno de todos”  perante a “deslealdade” catalá.

Alberto Núñez Feijóo e Íñigo de la Serna
photo_camera Alberto Núñez Feijóo e Íñigo de la Serna nunha xuntanza anterior

Transferir a Galiza a AP9, tal e como defenden unanimemente todas as forzas parlamentares galegas, pon en risco o Estado. O ministro de Fomento veu a Galiza esta segunda feira e após manter unha xuntanza co presidente da Xunta afirmou que transferir esa autoestrada a Galiza provocaría "pasos" similares noutros territorios, o que implicaría un "desmantelamento" da rede viaria estatal. Un argumento que xa insinuou o goberno español para xustificar o seu veto a que esta petición do Parlamento de Galiza se tratase no Congreso español. De la Serna deu un portazo a calquer posibilidade de traspasar esta infraestrutura.

Iñigo de la Serna aludiu á actual "conxuntura política", nunha alusión ao proceso que se vive en Catalunya, para xustificar o inmobilismo do Estado a respecto desta solicitude de Galiza. De por parte, Núñez Feijóo, dixo que o seu goberno non renuncia a esta demanda, mais entende que estamos en momentos de "tensións territoriais" coa "deslealdade máxima" de Cataluña  e o que cómpre é "apoiar o Goberno de todos".

A oposición axiña mostrou o seu malestar polas afirmacións do ministro e pola actitude de Núñez Feijóo neste tema. O voceiro de En Marea, Luís Villares, dixo que a visita do ministro volve amosar,  “un presidente da Xunta convertido en delegado do Goberno e que como tal limítase a recibir ordes de Madrid”. Fernández Leiceaga (PSdeG) criticou que o ministro veña "lavar a cara" a Galiza cunha "esmola" após negar o traspaso da autoestrada. Leiceaga lembrou a Feijóo que todo o que non sexa defender ese traspaso é "unha claudicación e unha decepción". 

Ana Pontón (BNG) lamentou que Feijóo no canto de exercer como presidente de Galiza optase por "ir do ganchete" do ministro "aplaudindo os incumprimentos" do goberno español para coas demandas galegas. A portavoz nacionalista considera "vergoñento" que De la Serna reitere en Galiza a súa defensa de vetar o debate da transferencia da AP9 no Congreso e enmarca esa actitude de Fomento na "discriminación do Estado para con Galiza". 

Comentarios