Até cando poderán as gandarías reclamar as perdas derivadas do cártel do leite?

Un importante grupo de empresas lácteas formou un cártel para intercambiar información comercial e pactar prezos entre os anos 2000 e 2013, segundo confirmou a Audiencia Nacional no mes de febreiro.
Envases de leite (Foto: Arxina).
photo_camera Envases de leite (Foto: Arxina).

As gandarías afectadas polas prácticas do cártel do leite que un importante grupo de empresas lácteas formou para intercambiar información comercial e pactar prezos entre os anos 2000 e 2013, segundo confirmou a Audiencia Nacional, poderán "reclamar con solidez" até o próximo 24 de setembro a devolución de entre "tres e catro céntimos por cada litro vendido" no devandito período, así como os xuros derivados.

Así o confirmaron esta quinta feira en Lugo representantes do bufete xurídico Eskariam, especializado en litixios contra grandes multinacionais e que participou no expediente administrativo na Audiencia Nacional, nunha rolda de prensa convocada xunto á asociación Agromuralla.

Roberto López, portavoz desta organización, foi o primeiro en intervir e cualificou como "un paso moi importante para o sector" o recoñecemento por parte da sala do contencioso-administrativo da Audiencia Nacional -comunicado o pasado 21 de febreiro- da existencia dun cártel das lácteas confirmando así a resolución da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CMNC) en 2019.

A continuación tomou a palabra Juan Álvarez, responsábel de negocio de Eskariam, que representa actualmente na súa demanda uns 7.000 gandeiros e gandeiras, e detallou todos os pormenores do proceso pola "vía civil" polo que as explotacións van poder reclamar ás industrias lácteas, dixo, "aquel diñeiro que lles pagaron de menos ao comprarlles o seu leite".

Recurso ante o Tribunal Supremo

"É altamente probábel que as industrias lácteas recorran ante o Tribunal Supremo a confirmación da Audiencia Nacional", recoñeceu o responsábel de Eskariam, mais "dificilmente vai cambiar a situación", concluíu.

Comentarios