A coordinación do cártel do leite quedou probada a través de anotacións e correos

'Nós Diario' tivo acceso a unha das sentenzas da Audiencia Nacional.
O presidente de Unións Agrarias, Roberto García, atendeu os medios antes de declarar na Audiencia Nacional o 22 de xuño de 2023 (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press).
photo_camera O presidente de Unións Agrarias, Roberto García, atendeu os medios antes de declarar na Audiencia Nacional o 22 de xuño de 2023 (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press).

As nove sentenzas da Audiencia Nacional que certificaron a existencia dun cártel do leite durante anos para concertar os prezos que pagaban ás explotacións outorgan seguridade ás reclamacións interpostas a través das organizacións agrarias e os seus servizos xurídicos nos últimos anos. 

Porén, o proceso que derivou en fortes sancións para varias industrias lácteas comezou moito antes, en base á denuncia "presentada o 16 de setembro de 2011 por Unións Agrarias contra as empresas transformadoras de leite na Galiza e as empresas distribuidoras de leite, que facía particular mención á dificultade de encontrar empresas alternativas ás que entregar o leite", segundo certificou unha das sentenzas á que tivo acceso Nós Diario.

Tras isto, realizáronse inspeccións os días 11 e 12 de xullo de 2012 nas sedes de varias empresas da industria leiteira, incoándose nese mesmo mes procedementos de sanción contra un grupo de compañías do sector.

Dous anos despois, o 18 de marzo de 2014 ditouse o prego de concreción de feitos, dando paso a que a Sala da Competencia resolvese o procedemento de sanción o 26 de febreiro de 2015 ao "ver acreditada a infracción". 

Porén, a estimación dun recurso de Nestlé o 11 de xullo de 2016 invalidou o ditame da sala, volvendo o proceso ao seu estado inicial. Finalmente, o 11 de xullo de 2019 a Sala de Competencia ditou o acordo de sanción final.

Tras isto, as firmas lácteas interpuxeron senllos recursos [Danone no caso da sentenza á que tivo acceso Nós Diario] nos que figuraban como partes demandadas tanto Unións Agrarias como a Comisión Nacional do Mercado e a Competencia (CNMC).

Intercambio de información

O acordo de sanción interposto por Competencia sinalaba que "consta acreditada a participación de Danone no intercambio de información entre as industrias lácteas en relación cos prezos e estratexias comerciais, de 2001 a 2004 e de 2006 a 2011, ademais dos intercambios de información sobre gandeiros no ano 2010", recolleu a sentenza.

Estes feitos ficaron probados polas anotacións e os correos electrónicos existentes sobre diversas reunións nas que as empresas da industria leiteira compartían información sobre o prezo do leite e as gandarías. 

"Como acertadamente apreciou a resolución de sanción, o intercambio de información puido permitir ás empresas a súa coordinación para levar de maneira acordada o concertada unha estratexia común de prezos e de reparto de gandeiros, o que dota o intercambio de información de unha maior relevancia antixurídica", sostivo a sentenza.

"A presión que exerceron sobre algunhas explotacións gandeiras, o elo máis débil na subministración podería pornos sobre a pista de que foi unha práctica con directos efectos prexudiciais no mercado", conclúe o auto.

A variación no prezo do leite cru certifica o troco de información

A sentenza é clara, "as empresas implicadas levaron a cabo un ilícito e sancionábel intercambio de información entre competidores". O auto, ademais, corrobora a sanción interposta pola CNMC, de 3,1% do negocio total no exercicio previo á resolución, ao afirmar que "a multa podería chegar até 10% do volume de negocios total, posto que estamos ante una infracción moi grave".

"Tanto a información recollida de un terceiro, como os correos internos examinados, si teñen suficiente valor probatorio da práctica colusoria", di a sentenza, que referenda que "a información viuse corroborada por variacións no prezo do leite cru no mercado".

Reclamación das perdas das gandarías galegas

O presidente de Unións Agrarias (UUAA), Roberto García, expuxo que as sentenzas "abren unha vía" para que reclamen unha indemnización non só as gandarías que presentaron demanda, senón todas as "que venderon leite" durante ese período. Unha estratexia que seguirán outras organizacións agrarias. En declaracións a Nós Diario, o representante da Federación Rural Galega (Fruga), Elías Somoza, afirmou que ían “continuar con todo este proceso co comezo da reactivación de todas as demandas que estaban presentadas para intentar recuperar as perdas". Tamén Xulio Fernández, do SLG, anunciou a este xornal que proximamente realizarán "asembleas informativas para achegar á xente as novidades e situación actual do proceso contra o cártel do leite"

Comentarios