A industria manipulou os prezos do leite: as organizacións agrarias preparan o proceso para reclamar as perdas

Nove sentenzas da Audiencia Nacional veñen de corroborar que, entre 2000 e 2013, varias industrias leiteiras argallaron un cártel para controlar os prezos que lles pagaban polo leite ás explotacións. Agora, as organizacións agrarias prepáranse para reclamar as perdas.
Dúas mulleres traballan muxindo as vacas nunha explotación leiteira de Friol, na comarca  de Lugo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Dúas mulleres traballan muxindo as vacas nunha explotación leiteira de Friol, na comarca de Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Das nove sentenzas da Audiencia Nacional que ratificaron que existiu un cártel organizado da industria leiteira para controlar os prezos de pagamento ás explotacións, sete confirmaron integramente os feitos polos que a Comisión Nacional de Mercados e da Competencia (CNMC) sancionara en 2019 estas empresas, e en seis dos casos, incluso se lles impuxo a condena a abonar as custas por ver desestimado o seu recurso. As prácticas do denominado cártel do leite datan, cando menos, do ano 2000, no que aínda había en activo 28.321 granxas de leite na Galiza -en 2021 descendeu o número até as 6.088-, e prolongáronse até 2013. 

"O pacto de prezos fraudulento estabelecido entre estas industrias lácteas acabou contaminando a totalidade do sector, e fixou uns prezos artificialmente baixos, impedindo ás granxas cambiar de empresa, alterando polo tanto as condicións de mercado", denunciou esta quinta feira o Sindicato Labrego Galego (SLG).

"As sentenzas confirman un pacto de prezos das industrias", explica o SLG

"Das nove condenadas que recorreron, só dúas delas (Puleva e Capsa Food) conseguiron reducir a sanción por entender [a sentenza] que non cometeron a infracción durante todo o período. Respecto da Aelga (Asociación de Empresas Lácteas de Galicia), a sentenza entende que a sanción non está correctamente motivada, e remítelle novamente o expediente á CNMC para que calcule outra vez a sanción a impor de maneira motivada", explica o SLG ao respecto.

"En todo caso, confírmanse as condutas infractoras así como a maioría das sancións (de forma íntegra a Lactalis, Central Lechera Gallega, Danone, Nestlé, Pascual e Schreiber) e con isto queda máis despexado o camiño cara á reclamación das perdas que sufriron as explotacións produtoras de leite", engade.

Elías Somoza, representante da Fruga: "Comezaremos a reactivar as demandas para intentar recuperar todas as perdas"

"Todas estas sentenzas confirman que había unhas prácticas de pacto de prezos entre todas as industrias que conseguían que se pagase o leite máis barato", salienta a Nós Diario o representante da Federación Rural Galega (Fruga), Elías Somoza. "As principais prexudicadas de isto eran as gandarías galegas que estaban na altura producindo e vendendo leite", acrecenta.

Xulio Fernández, representante do SLG: "Realizaremos asembleas informativas para achegarlle á xente a situación actual" 

"Imos continuar con todo este proceso e comezaremos a reactivar todas as demandas que estaban presentadas para intentar recuperar as perdas", afirma Somoza. Pola súa parte, Xulio Fernández, do SLG, anuncia que proximamente realizarán "asembleas informativas para achegarlle á xente as novidades e situación actual do proceso contra o cártel do leite".

O presidente de Unións Agrarias (UUAA), Roberto García, expuxo esta quinta feira que as sentenzas "abren unha vía" para que reclamen unha indemnización non só as gandarías que presentaron demanda, senón todas as "que venderon leite" durante ese período. Así mesmo, García sinalou que tan só contando as explotacións gandeiras afectadas amparadas por UUAA neste proceso supoñen máis de 5.000.

"O 70% das explotacións aínda non denunciaron", dixo García, apuntando que esta sentenza "abre a porta con seguridade xurídica" para que poidan "exercer o dereito a calcular a indemnización que lles corresponde". Entre 2000 e 2013, destacou, comercializáronse na Galiza 29 millóns de toneladas de leite e, a un prezo de 33 céntimos, pagáronse 9.000 millóns de euros. "Calculamos que, como mínimo, debería ser 10% superior", precisou o presidente de UUAA.

Ramón Barreiro, avogado do SLG: "As sentenzas confirman que as reclamacións interpostas van ter viabilidade"

"Os pasos que había que dar a este respecto xa están dados, porque a xente foi informada no seu día da posibilidade de reclamar as perdas derivadas do cártel e remitímolas a un bufete de Barcelona que se chama Redi", sinala a este xornal Ramón Barreiro, do equipo xurídico do SLG. As sentenzas, engade, "serven para confirmar que as reclamacións van ter viabilidade". 

Proceso xurídico

Segundo explica a Nós Diario o avogado Albert Poch, do bufete Redi, que impulsou este proceso en 2017, "en primeiro lugar hai que ver se hai recurso de casación ante o Tribunal Supremo e se este se admite, e no seu caso, agardar a resolución final". "A partir de aí (unha vez haxa unha sentenza firme), hai que preparar a reclamación das explotacións gandeiras que teñan achegado todos os datos, acabar de calcular o sobreprezo de quen aínda non os teña entregado, e presentar unha reclamación de danos e prexuízos ante os xulgados do mercantil", explica Poch.

"Calculo un escenario dun preito de cinco anos", di Poch

"Entre primeira e segunda instancia, calculo un escenario de preito de tal vez uns cinco anos, mais somos optimistas, fomos quen impulsamos este proceso en 2017 cando non había avogados que se interesasen por este asunto. Vimos que existía unha posibilidade real de axudar as explotacións gandeiras", afirma. "As explotacións aínda poden sumarse á reclamación. Até que non se produza a firmeza a favor ou en contra do recurso, o período estará aberto. Dependendo dos prazos, aínda sería posíbel adherirse con recursos durante un período de entre catro meses e un ano", conclúe o avogado.

"Non hai unha empresa láctea no país que non se aproveitase"

Roberto García, presidente de Unións Agrarias: "Na propia resolución dáse a entender que se beneficiaron a totalidade das industrias"

Roberto García (UUAA) sinalou que a resolución da Audiencia Nacional "vén confirmar" a sanción da CNMC contra oito empresas lácteas "por pactar prezos" e "repartirse aos gandeiros" co obxectivo de "manipular o mercado do leite". "Só así se explica que os gandeiros fosen os que menos cobraban o leite de toda a Unión Europea", afirmou.

Para García, este pacto "queda acreditado na totalidade dos casos", polo que incidiu en que aínda que as empresas sinaladas son oito, "na propia resolución dáse a entender que desta situación beneficiáronse a totalidade das industrias, aínda que non formen parte deste proceso sancionador".

"Non hai ningunha empresa láctea na Galiza que non se beneficiase do cártel, nalgunhas se puido probar con documentación que participaban de forma activa, mais todas se beneficiaron porque pagaban o mesmo prezo", sentenciou o líder de UUAA.

"Máis certezas e menos riscos para demandar"

"A sentenza abre unha dinámica con máis certezas e menos riscos para a totalidade dos gandeiros, non só para os que teñen a demanda autorizada, xa que aparece probado o delito, todos os que venderon leite nese período poden exercer demanda", insistiu esta quinta feira o presidente de Unións Agrarias, Roberto García.

Comentarios