Os altos prezos da enerxía pasan factura ao crecemento das empresas galegas

O prezo da luz superou onte os 300 euros o megawatt hora, seis veces máis que hai un ano.
Vista da planta de Alcoa en Cervo (Foto: aeroREC)
photo_camera Vista da planta de Alcoa en Cervo (Foto: aeroREC)

O prezo da luz volve superar de media esta sexta feira os 300 euros por megawatt hora, marcando o seu segundo récord histórico consecutivo esta semana.

A escalada dos prezos da enerxía é un problema que xa está a condicionar, non só os plans de crecemento das empresas galegas, senón tamén a súa propia viabilidade. 

Esta mesma semana, delegados da CIG das empresas electrointensivas galegas (Alcoa, Megasa, Celsa, Alu Ibérica, Xeal e Ferroatlántica) concentráronse ante a delegación do Goberno para exixir un marco enerxético xusto para estas compañías e tamén unha tarifa eléctrica galega que permita abaratar o prezo da luz e pór a produción de enerxía ao servizo do benestar social, do desenvolvemento económico do país, da creación de emprego e da industrialización. 

Segundo denuncian, as empresas están a aproveitar a escusa dos altos prezos da luz para recortar produción, aplicar expedientes de regulación de emprego, recortar dereitos laborais e salariais, ameazar a continuidade dos empregos e non facer os investimentos necesarios nas fábricas. 

Mais as grandes non son as únicas que pagan as consecuencias do encarecemento da enerxía. Un estudo elaborado pola consultora Grant Thornton e publicado onte revelaba que máis da metade das empresas medianas do país (53%) considera que o factor enerxético é un dos principais freos para o crecemento dos seus negocios e para a recuperación.

Esta cifra representa catro puntos máis que a media española, pero o dato máis sorprendente é que crece 36 puntos porcentuais respecto aos datos do segundo semestre de 2020, cando o prezo da enerxía estaba seis veces máis barato que na actualidade.

Perda de competitividade

Tamén esta semana, un informe do Consello Xeral de Economistas alertaba da perda de competitividade da Galiza. Caeu un posto no ránking, até a novena praza, pola "considerábel" deterioración da súa contorna económica e a eficiencia empresarial que as economistas atribúen a factores como a taxa de paro xuvenil, a formación dos ocupados, o esforzo fiscal, o dinamismo empresarial, a variación da produtividade e o reducido número de patentes, entre outras cuestións.

Respecto á fiscalidade, un dos elementos chave para a impulsar a competitividade empresarial, o informe do Consello Xeral de Economistas sitúa Galiza como o duodécimo territorio economicamente máis atractivo dos 19 analizados. Só destaca polas exencións en impostos como os de sucesións e patrimonio, que benefician sobre todo as grandes fortunas, mentres que nos impostos propios ocupa o posto 15.

Todas estas cuestións sitúan Galiza como o sétimo territorio máis vulnerábel ante a recuperación. En concreto, ás economistas preocúpanlles cuestións como as posibilidades de inserción laboral e social. "Os baixos niveis de produtividade, os déficits de capital humano, a desigualdade social ou a insuficiente dixitalización poden lastrar a recuperación de determinados territorios e dificultar a consecución dos obxectivos perseguidos", advirten desde o organismo colexial.

Comentarios