O prezo da luz chegará esta quinta feira aos 302,48 euros/MWh

Novo récord histórico no custe medio da electricidade no mercado almacenista que supera a barreira dos 300 euros. Decembro supera xa os 200 euros/MWh de media e a factura de novembro confirmouse como a segunda máis cara da historia.

Segue a evolución do prezo da luz en Nós Diario. (Foto: Europa Press)
photo_camera O prezo da luz volverá rexistrar máximos históricos. (Foto: Europa Press) #electricidade #factura #negocio #eléctricas #enriquecemento #luz #suba

O prezo medio da electricidade segue a súa carreira ascendente no mercado almacenista. Esta quinta feira marcará outro récord superando a barreira dos 300 euros para situarse en 302,48 euros o magavatio hora (MWh).

Após certa estabilidade a pasada semana ao redor dos 200 euros a semana pasada, o prezo da luz volveu a desbocarse nos últimos días e a tendencia das últimas xornadas xa advertía da posibilidade de volver encadear unha nova marca após outro, como xa sucedeu en setembro, pero nesta ocasión superando a barreira dos 300 euros.

Suba de 7,3% nun mes volátil

Con este novo dato, a luz subirá esta quinta un 7,3% en só unha xornada, mentres que a suba chega ao 178,2% se se compara co mesmo día de hai unha semana. En comparación co 16 de decembro de 2020, o aumento é do 518%, é dicir, seis veces máis.

O prezo máximo da luz darase entre as 20 e as 21 horas, con 345 euros/MWh, mentres que o prezo mínimo será de 251,78 euros entre as 4 e as 5 horas, segundo os datos publicados polo Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE).

Decembro está a ser un mes marcado por unha gran volatilidade, con caídas na media dalgúns días até a contorna dos 100 euros/MWh e con certos picos que superan amplamente a cota dos 200 euros/MWh.

De feito, no que vai de mes a media xa se sitúa nos 221,8 euros/MWh, co que, de seguir así, superaría o rexistro do pasado outubro, que foi o mes máis caro da historia.

O mes anterior, novembro, xa tivo a segunda factura máis cara da historia ao situarse en 115,18 euros, un 68,1% por encima dos 68,50 euros do mesmo mes do ano pasado segundo datos de Facua-Consumidores en Acción.

Comentarios