Alcoa inicia contactos con "potenciais compradores" para a factoría de San Cibrao

A multinacional di que aínda que algunhas condicións económicas melloraron no curto prazo, "a operación da planta segue sen ser viábel" e propón modificar o acordo de viabilidade.

Vista da factoría de Alcoa en San Cibrao, no municipio de Cervo, na comarca da Mariña (Foto: Joe McUbed).
photo_camera Vista da factoría de Alcoa en San Cibrao, no municipio de Cervo, na comarca da Mariña (Foto: Joe McUbed).

Alcoa informa de que está "a iniciar contactos con potenciais compradores fiábeis que puidesen ter interese en adquirir as operacións" no complexo industrial de San Cibrao, Concello de Cervo (comarca da Mariña), á vez que propón unha modificación do acordo de viabilidade da planta de aluminio asinado cos representantes dos traballadores.

Así o expón nun comunicado esta terza feira, na mesma xornada na que se coñeceu que a reunión da mesa de seguimento de Alcoa será o 4 de abril en Madrid, na sede do Ministerio de Industria, despois dun atraso na súa convocatoria.

De cara a ese encontro, Alcoa pon sobre a mesa que mantén contactos con potenciais compradores, aínda que sostén que "isto non significa que se vaia realizar unha venda, xa que calquera potencial transacción debe abordar adecuadamente cuestiones chave" para empregados e Alcoa. "Este paso é simplemente un esforzo por identificar partes interesadas coas que merece a pena ter un diálogo máis profundo", afirma.

Igualmente, avoga por modificar o acordo de viabilidade selado cos traballadores para a planta de aluminio, segundo expón, "relativas a atrasos nos investimentos, flexibilidade para completar o reinicio de cubas por encima das 32 que se están arrincando na actualidade e o acceso ao depósito de garantía do acordo se fose necesario".

A produción de aluminio primario de San Cibrao parouse en xaneiro de 2022 como resultado dun acordo cos representantes dos traballadores alcanzado en decembro de 2021. En febreiro de 2023, houbo unha modificación do acordo polo que Alcoa reiniciaría de maneira gradual a produción de aluminio primario a partir de xaneiro de 2024. O 2 de outubro de 2023, a compañía procedeu á paralización de fundición de aluminio que aínda funcionaba. Posteriormente, a empresa anunciou a suspensión do investimento do forno de cocción para ánodos pendente.

Xa este ano, Alcoa comezou cun proceso de rearranque após unha reunión en xaneiro da mesa de seguimento en Madrid. O acordo asinado pasa por pór en marcha 32 cubas a 1 de abril (comezou esta semana con 23 cubas en marcha) e continuar coa ampliación progresiva até alcanzar o pleno funcionamento en outubro de 2025.

Alcoa asegura que "continúa traballando para atopar unha solución de longo prazo ao importante desafío financeiro que enfrontan as operacións de San Cibrao". Con todo, apunta que, aínda que algunhas condicións económicas melloraron no curto prazo, "a operación da planta segue sen ser viábel". "Prevese que as operacións continúen con perdas significativas en 2024 e 2025 e a empresa non ten os fondos suficientes para soster estas perdas",

Avanza que a compañía traballará proximamente en accións en dúas principais categorías "co obxectivo de abordar inmediatamente o fluxo de caixa negativo": a citada modificación do acordo de viabilidade e "accións que puidesen mellorar os resultados das operacións".

O Comité urxe unha reunión coas administracións

Tendo en conta que se coñeceu a comunicación de Alcoa, o comité de empresa de San Cibrao urxiu unha reunión con Xunta e Goberno central "para coñecer todas as reunións que tivo" Alcoa "coas administracións e alcance das mesmas", "así como as conclusións sacadas polas administracións co fin de ter unha postura común e seguir unidos o próximo día 4 de abril".

Comentarios