O comité de Alcoa alerta da "falta de garantías" para o rearranque das cubas

A multinacional reuniuse con representantes do persoal para pedir o seu apoio ao incumprimento do acordo de viabilidade da factoría de Cervo.

Concentración do persoal de Alcoa en San Cibrao. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Concentración do persoal de Alcoa en San Cibrao. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O comité de empresa de Alcoa mantivo esta cuarta feira unha reunión coa dirección de empresa, solicitada pola mesma, para abordar o último comunicado remitido aos medios pola multinacional, no que solicitaba un novo atraso do rearranque das cubas da factoría de San Cibrao, en Cervo (A Mariña). A compañía advertiu das "perdas substanciais" que estima para este ano na planta, polo que o financiamento actual do que dispón, afirmou, "esgotarase nos vindeiros meses".

Álvaro Dorado, representante de Alcoa, "limitouse a ler o comunicado e a solicitar o atraso no rearranque das 32 cubas" e incumprir así o acordo de viabilidade, algo para o que pediu o seu apoio, lamentan desde o comité. Pola parte da empresa, aseguran, non houbo "ningún tipo de concreción, nin en datas nin en datos económicos referentes ao rearranque".

"En definitiva, sen ningún tipo de garantías", censuran. Esta sexta feira, día 26, o Ministerio de Industria convocou unha nova reunión de seguimento do acordo de viabilidade en Madrid, nun momento no que a tensión entre o comité e a multinacional volve medrar por mor desa falta de garantías.

Esta mesma terza feira o presidente do comité, José Antonio Zan (CCOO), sinalaba en declaracións a Nós Diario que Alcoa "emprega os traballadores como reféns" e "por iso ameaza co despedimento se o comité non acepta a autorización a Alcoa do incumprimento do acordo de viabilidade asinado".

Comentarios