Alcoa posúe 23 cubas en marcha e prevé chegar ás 32 o 1 de abril

A adquisición da australiana Alumina Limited por parte de Alcoa fixo que esta multinacional estadounidense pasara a facerse con 100% da factoría de San Cibrao.
Factoría de Alcoa en San Cibrao, no concello de Cervo (A Mariña). (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Factoría de Alcoa en San Cibrao, no concello de Cervo (A Mariña). (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Alcoa iniciou a semana con 23 cubas en marcha na súa planta de San Cibrao, no concello de Cervo (comarca da Mariña), no marco do proceso gradual de rearranque.

Segundo indican fontes de Alcoa, hai cinco cubas máis conectadas en circuíto "listas para ser rearrancadas nas próximas semanas". Mentres, as "catro últimas entrarán en circuíto durante esta semana".

De tal maneira, "e se non hai contratempos, agárdase cumprir o compromiso de ter as 32 cubas en marcha o 1 de abril", tal e como recolle o acordo de rearranque asinado no seu día co persoal. O pasado 14 de febreiro de 2024, Alcoa volveu producir aluminio primario despois de dous anos.

Calendario do rearranque

A produción de aluminio primario de San Cibrao parou en xaneiro de 2022 como resultado dun acordo coa representación das traballadoras e dos traballadores alcanzado en decembro de 2021. En febreiro de 2023 modificouse o acordo polo que Alcoa reiniciaría de maneira gradual a produción de aluminio primario a partir de xaneiro de 2024 e o 2 de outubro de 2023, a compañía procedeu á paralización da fundición de aluminio que aínda funcionaba.

Posteriormente, anunciou a suspensión da inversión do forno de cocción para ánodos pendente. Xa este ano, Alcoa comezou cun proceso de rearranque tras unha xuntanza en xaneiro da mesa de seguimento en Madrid. 

O acordo asinado pasa por pór en marcha 32 cubas chegado o 1 de abril e continuar coa ampliación progresiva até alcanzar o pleno funcionamento en outubro de 2025. Non obstante, ao longo dos tres últimos meses a Dirección de Alcoa emitiu ao público mensaxes sobre risco para o futuro da planta e os investimentos comprometidos.

Así as cousas, o pasado 12 de marzo, a adquisición da australiana Alumina Limited –por máis de 2.000 millóns de euros– por parte de Alcoa fixo que esta multinacional estadounidense pasara a facerse con 100% da factoría de San Cibrao.

Comentarios