Alcoa fixa a próxima terza feira como data límite para fechar un acordo co comité

Os traballadores insisten en que non van deixar parar as cubas. Esta quinta feira volveranse reunir na que será a cuarta xornada de negociacións.
Un traballador de Alcoa San Cibrao na marcha nocturna do pasado 6 de novembro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Un traballador de Alcoa San Cibrao na marcha nocturna do pasado 6 de novembro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Após tres intensas xornadas de negociacións, a paciencia da multinacional norteamericana Alcoa parece ir chegando ao seu fin. Tanto é así que na xuntanza desta terza feira coa representación dos traballadores e das traballadoras deu un ultimato: a vindeira terza feira será o último día para fechar un acordo. 

A empresa propón que, durante o período no que a planta estea inactiva, aproveitará para fechar acordos de compra de enerxía a longo prazo e facer investimentos, entre os que citou melloras na subestación eléctrica principal, na planta de ánodos e nos fornos de fundición.

Ademais, comprométese a manter os salarios durante a parada da electrólise, asinar un novo convenio con subas salariais de 2% desde 2020 e vixencia até finais de 2025, así como a contratar un número determinado de persoal de empresas de traballo temporal. Todo iso xunto á promesa de non realizar ningún proceso de regulación de emprego en catro anos.

Na proposta tamén ten en conta as auxiliares afectadas polo parón, ás que prorrogará tres anos os contratos actuais.

O vicepresidente executivo de Alcoa, Tim Reyes, asegura nun comunicado que o plan é "moi xusto e xeneroso" e "a mellor solución para o futuro da planta". Iso si, a proposta require da desconvocatoria da folga actual por parte do persoal da planta de San Cibrao (Cervo) e "o mantemento da paz social". 

Investimento millonario

Esa última oferta da compañía pasa por un investimento de 103 millóns de dólares (máis de 90 millóns de euros ao cambio) para "a viabilidade futura e crecemento da planta", incluído o reinicio das cubas de electrólises en 2024 tras unha parada de dous anos, e como garantía constituirase un depósito restrinxido pola mesma contía.

Porén, as partes seguen sen ceder nas liñas vermellas trazadas. O presidente do comité de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, recoñecía que segue "o mesmo problema", pois a empresa insiste en parar as cubas. "A situación para nós é case imposíbel e a posición de Alcoa é dura e intransixente", lamenta.

O representante sindical acusa a dirección de Alcoa de estar "tirantes e distantes" nunha situación "moi difícil". As negociacións proseguirán esta quinta feira na que será a cuarta xornada.

De momento, Zan asegura que "non hai ningunha solución que se poida ver encima da mesa", polo que o día 28 (a data límite) votarán en asemblea a proposta que haxa. "A que vai dicir o que vai ou non vai pasar é o persoal", sentenza.

Comentarios