Alcoa e o comité achegan posturas mais seguen sen ceder na parada das cubas

A compañía ofrece estender por 3 anos os contratos con auxiliares e substituír un forno se se acepta o cesamento temporal de produción.
Un traballador de Alcoa diante a Casa do Concello de Burela antes do inicio dunha marcha o pasado 22 de outubro (Carlos Castro / Europa Press / Arquivo).
photo_camera Un traballador de Alcoa diante a Casa do Concello de Burela antes do inicio dunha marcha o pasado 22 de outubro (Carlos Castro / Europa Press / Arquivo).

A representación sindical dos traballadores de Alcoa e directivos da multinacional norteamericana mantiveron onte un encontro en Compostela para tratar de achegar posturas na procura dunhas solución que garanta a continuidade da factoría de San Cibrao (Cervo) e dos empregos a ela asociados. 

A reunión tivo lugar onte na sede do Consello Económico e Social (CES) en Compostela. Iniciouse as 10 da mañá e rematou ben entrada a tarde, após un receso para comer.  A xuntanza seguirá hoxe.

Fontes da negociación recoñeceron a Nós Diario que as posturas estaban aínda "moi distantes", pero que estaban a avanzar noutros aspectos, como no dos investimentos, á vista de que non había achegamentos no fundamental, a liña vermella que marcan ambas as partes: parar oun non parar as cubas. 

"As propostas están bastante recortadas con respecto ao que nós pedimos", apuntaban estas mesmas fontes sobre os investimentos pendentes, "mais aí si que hai marxe de negociación . É máis difícil de negociar no outro punto", recoñecían en alusión á parada das cubas que propón a multinacional norteamericana a cambio de non facer despedimentos até 2026.

Piden calma ao persoal

O desta segunda feira é o segundo encontro entre comité e empresa, após o do pasado día 16 de decembro en León, e parece que non vai ser o último. 

Tras esa xuntanza, o presidente do comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, José Antonio Zan (CCOO), xa advertira ao persoal que "teña calma" porque as negociacións non son "de hoxe para mañá", e menos após dezaoito meses "de tiras e afrouxas". 

"Estamos moi distantes, moi lonxe. Quédanos moito por negociar para chegar a un acordo, se é que o hai", apuntaba o representante dos traballadores e das traballadoras de San Cibrao.

Zan aseguraba entón que había investimentos pendentes nas plantas moi importantes "que non se están a tocar" e que esperaban poder abordar na reunión de onte, mais a proposta da empresa non pareceu seducirlles. 

Agora, os delegados do comité darán conta ao persoal do avance das negociacións nunha asemblea extraordinaria nos próximos días.

Na procura dunha saída 

En Alcoa todas as persoas agardan que o conflito se poida reconducir para lograr unha solución que dea viabilidade á factoría "para moitos anos", tanto para o persoal da principal como para o das auxiliares. 

Así o recoñecía antes de entrar na xuntanza de onte o portavoz da CIG no comité de empresa, Xosé Paleo, que amosaba a súa "esperanza de que a intención que di Alcoa" de negociar "sexa real" e "non se limite a dicir isto é o que hai".

A este respecto, Paleo avisaba Alcoa que "impoñer a súa postura non é chegar a acordo", senón que esa posibilidade de pacto "significa ceder polas dúas partes". Porén, insistía en que as "liñas vermellas" están en que non se paren as cubas e que se garanta o emprego das auxiliares. 

Tamén indicaba que "as Administracións teñen que implicarse", pois "até o de agora non se implicaron absolutamente nada", denunciaba Paleo.

Comentarios