Alcoa acaba o rearranque de dúas cubas mentres outras tantas fican en proceso de reinicio

As tarefas na planta de San Cibrao estanse realizando sen incidencias.
Factoría de Alcoa en San Cibrao, Cervo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Factoría de Alcoa en San Cibrao, Cervo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O presidente do comité de empresa da planta de Alcoa en San Cibrao, no municipio de Cervo (A Mariña), José Antonio Zan, informou de que esta segunda feira as dúas primeiras cubas da planta de aluminio finalizaron o seu rearranque ao completo mentres se avanza con outras dúas.

"Pódese dicir que xa comezaron as dúas cubas que se tiñan en quecemento a ser cubas de verdade, xa teñen metal líquido dentro delas e xa empezan a ter un funcionamento dentro do que é o rearranque como unha cuba normal", destacou Zan en declaracións aos medios. 

A isto súmase que "hai outras dúas cubas que se arrincaron, unha onte [en referencia ao domingo] ás nove da noite e outra esta madrugada [en referencia a esta segunda feira á unha da mañá".

"Estas dúas cubas están a funcionar a base de criolita. Esta criolita vaise desfacer para facer baño líquido, do que xa disporemos mañá. Con ese funcionamento poderanse empezar a arrincar máis cubas", explicou o presidente do comité.

Un equipo desprazouse desde o Canadá para o proceso de rearranque destas catro cubas. Neste sentido, a compañía estadounidense informou nos últimos días de que "o desenvolvemento das tarefas de rearranque das cubas produciuse segundo o previsto e sen ningunha incidencia destacábel".

Os preparativos para o rearranque das cubas comezaran o pasado 29 de xaneiro. Naquela altura, Zan advertiu de que os traballos ían "atrasados sobre as previsións". "En calefacción tiñan que poñelas o día 15 de xaneiro. Se hai calquera fallo durante o rearranque non van poder cumprir", afirmou.

Aquel mesmo día, o PP rexeitou no Parlamento da Galiza a petición do BNG de comparecencia do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, para tratar a situación de Alcoa.

Comentarios