A reactivación das cubas non calma os ánimos na Mariña: "Alcoa non trouxo ningunha concreción á mesa"

O obxectivo é que as cubas estean en marcha a partir do 1 de abril para aliviar a delicada situación financeira da planta. Desde o comité, con todo, cualifican de "totalmente improdutiva" a xuntanza desta sexta feira.
Reunión da mesa de seguimento do futuro de Alcoa esta sexta feira. (Foto: Gabriel Luengas / Europa Press)
photo_camera Reunión da mesa de seguimento do futuro de Alcoa esta sexta feira. (Foto: Gabriel Luengas / Europa Press)

Alcoa trasladou esta sexta feira ao comité de empresa da planta de Aluminio de San Cibrao, en Cervo (A Mariña), o seu compromiso de empezar ao comezo da próxima semana os traballos para pór en marcha as 32 cubas de electrólise o 1 de abril, data estabelecida no acordo de viabilidade asinado. Así o dixeron na reunión da mesa de seguimento convocada polo Ministerio estatal de Industria, na que participou a representación do persoal e a conselleira de Economía da Xunta da Galiza, María Jesús Lourenzá.

O anuncio de Alcoa tivo lugar catro días despois da solicitude realizada pola propia firma de aprazar o reinicio das cubas tras a presentación das contas anuais da compañía, que prevían perdas millonarias na planta en 2024. A multinacional volveu a alertar da "delicada situación financeira" da factoría, incorrendo nunha falta de garantías de cumprimento do acordo de viabilidade, unha actitude que foi duramente criticada polo presidente do comité de empresa, José Antonio Zan.

A xuntanza foi "totalmente improdutiva" porque Alcoa "non trouxo ningunha concreción á mesa", afirmou. Zan tamén cualificou de "autentica vergoña" a posición tomada tanto pola Xunta como polo Goberno estatal ante a actitude da compañía. Porén, non revelou os contidos da xuntanza que lle levaron a realizar estas críticas aos dous Executivos.

A conselleira de Economía, que sinalou que ao Goberno galego "xéralle moitísima inseguridade e parécelle moi pouco fiábel a palabra de Alcoa", non descartou unha intervención "temporal e instrumental" da factoría, que en todo caso, tería vixencia por tempo limitado mentres se buscase un comprador da fábrica.

Non obstante, as súas palabras non coincidiron coas do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que asegurou que se alegra de que "funcionase a presión colectiva" para que Alcoa rectifique e se comprometa a reiniciar as cubas: "A empresa é o que tiña que facer, de confirmarse, ese é camiño adecuado, e todo o apoio".

Pola súa parte, a candidata do BNG á Presidencia do Goberno galego, Ana Pontón, advertiu de que a multinacional "segue falando de dificultades a longo prazo" e reclamou unha intervención pública da firma tomando decisións transcendentes para garantir a viabilidade desa empresa". "Esta é unha medida legal que se pode tomar e non entendemos por que pódese facer con Telefónica e non con Alcoa", aseverou a portavoz da forza nacionalista.

Mentres tanto, o candidato socialista, José Ramón Besteiro, asegurou que é "unha boa noticia" o comezo dos traballos para a reactivación da cubas. "Todo o que sexa cumprir cos acordos asinados cos traballadores é absolutamente positivo", concluíu.

Críticas das Alcaldías

Neste contexto, a alcaldesa de Cervo, Dolores García (PP), e o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro (PP), non compartiron a análise positiva de Rueda, o seu xefe de filas, e responsabilizaron onte a Alcoa de "enredar" e seguir xerando "incerteza" sobre o futuro da planta de aluminio.

"Eles rearrancan porque saben que non poden incumprir o compromiso que tiñan, pero ao mesmo tempo din que non teñen solidez", afirmou a alcaldesa de Cervo, mentres que o seu homólogo do veciño municipio de Xove criticou que a multinacional estadounidense non aclarase en ningún momento en que punto se atopa a construción do forno de ánodos comprometido nin se a empresa "quere continuar coa súa produción de aluminio primario ou se quere ir". "Dáme a sensación de que isto é unha estratexia con mala fe", engadiu.

Comentarios