O PP bloquea a comparecencia de Rueda sobre a situación de Alcoa

Os votos dos populares frearon a iniciativa do BNG.
A nacionalista Olalla Rodil, no Parlamento da Galiza (Foto: Europa Press).
photo_camera A nacionalista Olalla Rodil, no Parlamento da Galiza (Foto: Europa Press).

Os votos do PP foron suficientes para rexeitar a petición de comparecencia do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, solicitada polo BNG na Deputación Permanente do Parlamento galego para que achegase información sobre as accións do Executivo ante a situación na factoría de Alcoa en San Cibrao, en Cervo (A Mariña), polas dúbidas sementadas pola multinacional sobre o cumprimento do acordo de viabilidade pactado co persoal.

A parlamentaria Olalla Rodil (BNG) defendeu a necesidade de que o presidente da Xunta acudise á Cámara para pór "luz e taquígrafos" sobre as xestións feitas ante unha nova fase de "ameazas" por parte da firma.

O PP bloqueou a comparecencia de Rueda. Así mesmo, o deputado popular José Manuel Balseiro afirmou que a súa forza política vería con bos ollos unha intervención da planta sempre que sexa liderada polo Goberno estatal, ao que botou en cara que "non" achegase solucións.

Pola súa parte, a socialista Patricia Otero, que tamén manifestou que o seu partido non fecha a porta a unha intervención pública da factoría como camiño para que se manteña a actividade "se é necesario", instou a Xunta a "concretar" se estaría disposta a apoiar esta medida "con fondos propios".

Neste contexto, o Executivo estatal anunciou onte que ampliará as axudas á industria electrointensiva para as compensacións por emisións de CO2 até os 300 millóns de euros, 25% máis que en 2023, segundo dixo o ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu.

"Estamos para que se cumpran os acordos e é evidente que nós o que non queremos é perder proxectos industriais. Quen estea disposto a liderar proxectos terá o noso apoio e a quen non teña a vontade de desenvolver proxectos industriais tamén lle diremos que non nos fagan marear a perdiz", aseverou Hereu en referencia ás dúbidas sementadas por parte de Alcoa.

Unhas declaracións que coincidiron coa xornada na que a firma comezou os preparativos para o rearranque das cubas de electrólise. Así o comunicou o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, que explicou que os traballos "van atrasados sobre as previsións". "En calefacción tiñan que poñelas o día 15 de xaneiro. Agora é máis arriscado porque se hai calquera fallo durante o rearranque non van poder cumprir", dixo.

Comentarios