Industria

Alcoa comeza os preparativos para o rearranque das dúas primeiras cubas na planta de San Cibrao

Desde o comité de empresa advirten que "van atrasados sobre as previsións" e instan a multinacional a "aclarar realmente o que quere facer" coa factoría mariñá.
Factoría de Alcoa en San Cibrao, Cervo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Factoría de Alcoa en San Cibrao, Cervo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Alcoa xa comezou os preparativos para o rearranque das cubas de electrólise comprometidas cos traballadores e traballadoras da planta de San Cibrao, en Cervo (A Mariña), na reunión de seguimento da pasada sexta feira no Ministerio de Industria, e porá en calefacción os dous primeiros tanques da factoría ao longo da tarde desta segunda feira.

Así o comunicou o presidente do comité de empresa de Alcoa-San Cibrao, José Antonio Zan, quen informou de que as dúas primeiras cubas —das 32 que deberán estar en funcionamento, de acordo co plan de viabilidade acordado, o próximo 31 de marzo— serán conectadas esta tarde á Rede Eléctrica Española para proceder ao seu quecemento e poder reaarrancalas de maneira efectiva "dentro de sete días".

Os traballos comezaron no complexo industrial de Cervo tres días despois da reunión da mesa de seguimento de Alcoa decorrida na sede do Ministerio a pasada sexta feira. Unhas actuacións que, apuntan desde o comité de empresa, deberían empezar o 15 de xaneiro para contar "con marxe" de actuación no caso de que se produza algún fallo xa que, alertaron, "hai moitos sistemas que non se comprobaron".

"Van atrasados sobre as previsións. En calefacción tiñan que poñelas o día 15 de xaneiro. Agora é máis arriscado porque se hai calquera fallo durante o rearranque non van poder cumprir coas 32 cubas arrincadas que teñen asinadas para o 31 de marzo", explicou, en declaracións á axencia Europa Press, José Antonio Zan.

Os primeiros pasos para o reinicio das 32 cubas de electrólise da planta de aluminio de San Cibrao, fundamentais para o cumprimento do plan de viabilidade asinado entre a compañía e a representación dos traballadores, acometéronse en decembro de 2023 coa selección e a preparación dos primeiros tanques, que serán finalmente rearrancados, de cumprirse a folla de roteiro prevista, o 5 de febreiro.

Reunión con Medio Ambiente

O comité de empresa de Alcoa-San Cibrao manterá un novo encontro esta sexta feira con representantes da Consellaría de Medio Ambiente para abordar a situación dos cinco parques eólicos tramitados fóra de prazo e orientados a fornecer enerxía á planta de aluminio.

Cos contactos entre a Administración galega e estatal e a representación da multinacional para avaliar as fórmulas capaces de garantir a viabilidade da planta como pano de fondo, desde o comité volven instar Alcoa a "aclarar realmente o que quere facer" en San Cibrao e a ser "francos" con Goberno español e Xunta para "evitar máis problemas".

Comentarios